Saltar ao contido
>

Xa está dispoñible o novo programa de Referentes, protagonizado por Margarita Ledo e Xabier Fortes

Xa está dispoñible o novo programa de Referentes, protagonizado por Margarita Ledo e Xabier Fortes

O exilio, a resistencia antifranquista, o papel dos medios de comunicación, a escrita, o feminismo e mesmo o fútbol, son algúns dos temas que abordan Margarita Ledo e Xabier Fortes no primeiro episodio da nova tempada de Referentes. Desde esta mañá, a conversa completa xa está dispoñible na canle de Youtube e no perfil de Facebook da área de Cultura da Deputación da Coruña.

A conversa, conducida pola xornalista Marga Pazos, parte das súas respectivas infancias e como as súas situacións familiares durante o franquismo conformaron as súas personalidades e idearios. No caso de Xabier Fortes como fillo dun militar detido por montar unha célula democrática no exército, o que segundo conta truncou o seu futuro, “realmente eu non tiña que ser xornalista senón militar, estaba educado para iso” asegura; e no caso de Margarita Ledo como descendente de emigrantes e exiliada ela mesma. Comparten anécdotas simpáticas sobre os códigos e mensaxes cifradas de organizacións que operaban na resistencia das décadas de 1960 e 1970, e avanzan sobre como se conformaron as súas vocacións e traxectorias profesionais ata reflexionar sobre o papel dos medios de comunicación en cuestións tan actuais como o auxe da ultradereita ou o que está a acontecer en Ucraína.

Referentes T2 contempla seis novos episodios, que sairán á luz o último venres dos meses de abril, maio, xuño, setembro, outubro e novembro. Convén lembrar que este ciclo, que xunta a diferentes personalidades do mundo da cultura nun espazo de reflexión e conversa demorada, está concibido como un proxecto exclusivamente dixital.

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’