Saltar ao contido
>

O Teatro Colón acollerá desde o mércores a terceira edición do ciclo ‘Músicas Posíbeis’ da Deputación 

O Teatro Colón acollerá desde o mércores a terceira edición do ciclo ‘Músicas Posíbeis’ da Deputación 

  • A programación estenderase ao longo do mes de novembro con cinco propostas que abranguen a canción de autora, o folk, o teatro musical, a poesía e a danza contemporánea. 
  • Antía Muíño; Sangre de Muérdago; a Escola Galega de Teatro Musical; a Banda Municipal de Música de Celanova e Leticia Rey protagonizan a programación 
  • A Coruña, 30 de outubro de 2025. O Teatro Colón acollerá este mes de novembro a terceira edición do ciclo ‘Músicas Posíbeis’, unha iniciativada Deputación da Coruña que aposta pola exploración de novos territorios sonoros, o diálogo entre a tradición e a creación contemporánea e o encontro entre distintas disciplinas artísticas. Antía Muíño; Sangre de Muérdago; a Escola Galega de Teatro Musical; a Banda Municipal de Música de Celanova e Leticia Rey protagonizan a programación dun ciclo que afonda na vontade de facer da música un lugar de encontro plural, reunindo ao longo de cinco datas unha coidada selección de propostas que transitan pola canción de autoría, a memoria, a poesía, o teatro e a experimentación sonora. 

Natividade González afirmou que «con Músicas Posíbeis queremos demostrar que a música ten moitos camiños por explorar e que as institucións públicas debemos contribuír a que eses camiños teñan espazos onde desenvolverse e chegar á cidadanía. É importante apostar por formatos e propostas que van máis alá dos circuítos musicais convencionais, que arriscan, experimentan e establecen diálogos con outras disciplinas artísticas». 

A deputada de Cultura destacou tamén que «este ciclo permite dar visibilidade a creadoras e creadores cunha identidade propia, apoiar novas linguaxes e reivindicar a diversidade da creación musical galega. Apostar por esta pluralidade é tamén ampliar o acceso á cultura, ofrecerlle ao público experiencias diferentes e contribuír a construír unha programación cultural máis aberta, diversa e conectada coa realidade artística do noso país». 

Programación 

A rolda de concertos e espectáculos botará a andar o mércores 4 de novembro coa actuación de Antía Muíño, quen presentará o seu novo disco ‘Anfibia por veces’. Acompañada no escenario por Miguel Arribas nos ventos, Ton Risco nas percusións e Yudit Almeida no contrabaixo, a artista consolidouse como unha das voces máis singulares da nova música galega ao mover con naturalidade a súa voz entre o jazz-pop, a canción de autora e a forza do canto tradicional. 

O domingo 8 de novembro será a quenda do cuarteto Sangre de Muérdago, formado por Pablo Caamiña, Georg Börner, Xoel López e Saúl Nogareda. Con case dúas décadas de traxectoria internacional e concertos por Europa, Norteamérica e Asia, a banda ofrece unha proposta cantada integramente en galego que combina instrumentos tradicionais e históricos con composicións atmosféricas de gran carga poética, transformando o directo nunha experiencia íntima vinculada á natureza e á memoria. 

O teatro musical chegará o sábado 14 de novembro da man da Escola Galega de Teatro Musical e o seu espectáculo ‘Honra, a non historia de María Pita’, con texto orixinal e música de Sara Fandiño e Daniel Maques. A obra revisita o asedio inglés de 1589 na Coruña para reflexionar sobre quen merece ser lembrado como heroe, poñendo o foco tanto na figura de María Pita como nas persoas anónimas que defenderon a cidade e propoñendo unha lectura contemporánea sobre os relatos históricos e a memoria colectiva. 

O domingo 15 de novembro o Teatro Colón acollerá a proposta de grande formato ‘Emocións, un camiño musical polas letras de M. Curros Enríquez’, dirixida musicalmente por Miguel Pérez Lorenzo e con música orixinal de Manuel Alejandro López Pérez e textos de Baldo Ramos. O espectáculo reúne á Banda Municipal de Música de Celanova xunto á Coral de Ruada, o Coro Cidade de Vigo da ONCE, o Coro da Escola Municipal de Música de Vigo, a Coral Polifónica Solpor de Celanova e Rebulir Cultura Tradicional para transformar a poesía do autor do Rexurdimento galego nunha experiencia viva que aúna música, canto coral e baile tradicional. 

A programación pecharase o domingo 22 de novembro con ‘Danza, Luz’, un espectáculo sensorial interdisciplinar creado pola cantante e compositora Leticia Rey. Acompañada por un conxunto de músicos e unha intérprete de danza contemporánea, a artista aborda o concepto da sombra, o duelo e a transformación a través dunha coidada posta en escena onde a música en directo, a luz e o movemento dialogan para explorar a vulnerabilidade e a beleza. 

As entradas para todos os espectáculos atópanse xa á venda a través da plataforma Ataquilla.com. 

Compartir

Novas destacadas

O Teatro Colón acollerá desde o mércores a terceira edición do ciclo ‘Músicas Posíbeis’ da Deputación 

A Biblioteca Provincial acolleu esta tarde a presentación do libro “Quen conduce o estado” sobre o estatuto do 36 

A Deputación e a USC asinan un convenio de colaboración para investigar a historia das políticas culturais en Galicia