Saltar ao contido

SUBVENCIÓNS

Consulta as liñas de subvencións culturais da Deputación da Coruña, dirixidas a apoiar proxectos, entidades e iniciativas no ámbito da creación e da difusión cultural.

As liñas de subvención da Área de Cultura da Deputación da Coruña

A Área de Cultura da Deputación da Coruña desenvolve unha política pública de apoio ao ecosistema cultural da provincia baseada na cooperación cos concellos, no fortalecemento do tecido asociativo e profesional e na promoción da creación e difusión da cultura galega.

Para acadar estes obxectivos articúlase un amplo conxunto de programas de subvención en réxime de concorrencia competitiva, dirixidos tanto ás administracións locais como ás entidades culturais sen ánimo de lucro, fundacións, empresas culturais e outros axentes do sector.

As diferentes liñas de axuda responden ás necesidades específicas de cada ámbito de actuación e estrutúranse arredor de varios grandes eixos.

A Deputación contribúe ao fortalecemento das políticas culturais locais mediante programas destinados aos concellos da provincia para financiar o persoal técnico dos servizos municipais de cultura. O obxectivo é consolidar equipos profesionais que garantan unha programación cultural estable, a planificación de actividades e unha atención continuada á cidadanía.

Dentro deste ámbito inclúense tamén programas específicos para o financiamento do persoal técnico dos museos e centros museísticos municipais, favorecendo a conservación, investigación, difusión e posta en valor do patrimonio cultural local.

O tecido asociativo constitúe unha das principais fortalezas da cultura na provincia da Coruña. Por iso, a Área de Cultura mantén unha liña estable de apoio ás entidades culturais para desenvolver proxectos e actividades de interese público ao longo do ano.

Estas convocatorias permiten impulsar programacións culturais, iniciativas de dinamización, actividades de creación, difusión, formación e participación cidadá, contribuíndo á diversidade cultural e ao equilibrio territorial.

Paralelamente existe unha liña específica destinada a financiar investimentos culturais das entidades, permitindo mellorar infraestruturas, adquirir equipamento ou modernizar os seus recursos materiais.

Un dos programas máis consolidados da Área de Cultura está orientado ás corais polifónicas, bandas de música populares, agrupacións de música e baile tradicional galego e outras formacións musicais de grande formato da provincia.

A través destas convocatorias financíanse tanto os gastos derivados da actividade ordinaria e da programación artística como os investimentos necesarios para garantir a continuidade e mellora destas entidades, fundamentais para a transmisión do patrimonio musical galego e para a dinamización cultural do territorio.

A Deputación promove tamén programas específicos destinados a fundacións culturais e a entidades de representación profesional ou sectorial da cultura galega.

Estas axudas permiten desenvolver proxectos de interese estratéxico, reforzar a cooperación entre institucións e consolidar estruturas que prestan servizos culturais de carácter permanente á sociedade.

A política cultural provincial incorpora tamén iniciativas dirixidas ás empresas culturais, favorecendo o desenvolvemento económico do sector creativo.

Entre elas destaca o programa de apoio á distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega, orientado a incrementar a presenza das producións audiovisuais galegas nos circuítos profesionais e a reforzar a normalización do galego como lingua de creación e difusión cultural.

Normativa

Accede ás bases reguladoras e ás convocatorias culturais da Deputación da Coruña, onde se recollen os requisitos, prazos e condicións para participar nas subvencións do ano en curso.

Más información

Amplía información sobre os procedementos administrativos, presentación de solicitudes e seguimento dos expedientes a través das plataformas oficiais SUBTEL e BDNS.

Resolvemos as túas dúbidas

Manuais e documentación da plataforma SUBTEL

Nota informativa sobre o contido das facturas