A cultura é un dereito
A cultura é un dereito
A cultura é un dereito que promove o acceso, a participación e o disfrute de bens e prácticas culturais como parte esencial da vida cidadá e do desenvolvemento colectivo.
A acción cultural da Deputación da Coruña
Cultura, cooperación e territorio. A política cultural da Deputación da Coruña desenvólvese ao redor destes elementos, a partir dos cales procuramos axudar a construír unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial.
Cremos na cultura como ferramenta para a mellora social. E apostamos por traballar, para a conseguir, cos diferentes axentes e actores culturais da nosa sociedade. Cooperamos cos concellos, as entidades e as e os artistas desde o local, desde a proximidade.
Acreditamos firmemente en que a cultura é un dereito. Que alimenta, que nos fai o que somos. O espazo das ideas e dos valores, que non pode reducirse a ornamento. Por iso traballamos. Cultura en todos os concellos, cultura con todas as persoas.
Que facemos
Para os concellos
Subvencionamos a contratación do persoal da área de cultura. Financiamos a a contratación técnicos e técnicas de xestión cultural, de animadores e animadoras socioculturais e de técnicos e técnicas para a atención e dinamización dos museos e centros de interpretación dos concellos da provincia.
Garantimos a posibilidade dunha boa oferta cultural en todos os concellos, a través da Rede Cultural e das liña específicas de apoio aos festivais de cinema, música e artes escénicas dos concellos da provincia.
A Rede Cultural, cun orzamento total de 2 millóns de euros, desenvolverá catro programas: Escena ao Vivo, Visións, Alicerce e Lingua a Escena!
Pola súa banda, a liña de apoio a festivais -a máis importante das existentes en Galiza- serve para consolidar eventos de referencia como o Curtocircuíto, Cineuropa, Cinema Crianza, Carballo Interplay, Chanfaina Lab, Galicreques ou o Festival de Ortigueira.
Todo isto para alén de pór en marcha como Deputación o Plan Único de Concellos, onde se integraron as dúas liñas para actividades e investimentos culturais dos concellos, co obxectivo de potenciar a súa autonomía e deixar nas súas mans a priorización da súa acción política
Para as entidades sen ánimo de lucro
Apoiamos o desenvolvemento das actividades e dos investimentos culturais dos:
- colectivos, entidades e asociacións culturais sen ánimo de lucro
- entidades de natureza sociopedagóxica e vinculadas ao campo da educación e o ensino
- asociacións de natureza social e asistencial
- entidades de natureza veciñal
Creamos liñas específicas de apoio para as programacións culturais das fundacións culturais, dun lado, e para as bandas de música, entidades de música coral e asociacións e colectivos de música e baile tradicional, doutro.
Con elas apoiamos entidades como a Fundación Luís Seoane ou a Fundación Granell ou a Fundación Rosalía de Castro e entidades como Xacarandaina, a Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos, Toxos e Froles, a Coral Polifónica El Eco ou a Banda Municipal da Visantoña.
Ademais, tanto asociacións como fundacións teñen aberta unha liña específica de apoio a festivais, a través da que apoiamos eventos singulares da provincia como o festival S8, o FIOT de Carballo, o WOS Festival, o Feito a Man, o V de Valarés ou o Festigal.
As entidades sectoriais representativas dos diferentes ámbitos da cultura contan cunha liña específica de apoio para as súas actividades.
A través dela subvencionamos a entidades como Escena Galega, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia ou a coordinadora de festivivais audiovisuais Proxecta.
Para o ámbito profesional e das empresas culturais
Contamos cunha liña específica de apoio á produción de proxectos culturais de especial interese cultural, dirixido a empresas e persoas autónomas.
Temos unha convocatoria específica de apoio á distribución e exhibición de cinema en lingua galega nos concellos da provincia.
No apoio á creación, formación e investigación
A política de apoio a creadores e creadoras que desenvolve a Deputación céntrase en dous eixos moi consolidados: as bolsas artísticas e de investigación, dun lado, e os premios en diferentes disciplinas artísticas, doutro.
No caso dos premios, a área de cultura convoca unha ampla serie de certames dirixidos a fomentar e visibilizar a creación en moi diferentes disciplinas. Moitos deles son galardóns de referencia no noso país e mesmo fóra del.
- Quero Cantar / música infantil e xuvenil en galego
- Fran Pérez “Narf “/ artistas e bandas de pop, rock e outras música
- Andrés Gaos / composición musical
- Luís Ksado / fotografía
- Jesús Núñez / gravado
- Díaz Pardo / pintura e arte
- Antón Fraguas / artesanía
- Torrente Ballester / narrativa en galego
- Torrente Ballester / narrativa en español
- Raíña Lupa / literatura infantil e xuvenil
- González Garcés / poesía
- Rafael Dieste / teatro
- Castelao / banda deseñada
- Manuel Murguía / ensaio
- Begoña Caamaño / iniciativas culturais pola igualdade
- Certame “Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia”
No caso das bolsas, é a área de Educación quen convoca anualmente bolsas de apoio á formación artística e de apoio á investigación de diferentes áreas e ámbitos.
Espazos e programacións propias
Para alén da nosa liña principal, a de favorecer e impulsar a densidade cultural no territorio a través dos proxectos e actividades dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro, a área de Cultura xestiona ou participa da programación de diferentes espazos culturais (o Teatro Colón, a Biblioteca Provincial, o Conservatorio Profesional de Danza) e organiza diferentes programacións propias no territorio.
Estas últimas atenden de forma preferencial as efemérides culturais e sociais (Día de Rosalía, Día do Libro, Día das Letras, Día Internacional das Mulleres…), as conmemoracións que protagonizan cada ano (centenario das Irmandades da Fala, centenario de Pondal, ano Chané…) e a presenza en feiras e eventos de interese cultural (Culturgal, Feiras do Libro …).
Os eixos da nosa política cultural
Dentro do conxunto de liñas de traballo que desenvolvemos desde a área de Cultura son cinco os elementos caracterizadores da etapa actual, as nosas apostas principais tanto nos contidos como nas formas de facer.
Cultura e igualdade
- Concurso de proxectos de cultura pola igualdade Luísa Villalta. Con esta iniciativa, as áreas de Cultura e Igualdade danse a man para apoiar o desenvolvemento de dez propostas artísticas e iniciativas culturais que contribúan a fomentar a igualdade desde a cultura. O concurso está dotado con fondos que se destinan a proxectos orixinais e inéditos en distintos campos artísticos.
- Bolsas de investigación específicas sobre temáticas de xénero. Ás categorías xa existentes na convocatoria, engadiuse a creación de bolsas de estudos de xénero pola que se apoiaron investigacións arredor da igualdade na xestión das empresas turísticas, o asociacionismo das mulleres rurais galegas, a emigración feminina a Suíza ou a ausencia de alternativas ao discurso pro-maternal.
- Premio Begoña Caamaño. En 2017 creamos esta iniciativa que busca recoñecer persoas e proxectos culturais e artísticos que promoven a igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura.
Cultura e memoria
- Proxecto Xeración perdida. A Deputación da Coruña promove, xunto coa Universidade de Santiago, un proxecto de investigación pioneiro que busca recuperar a memoria das corporacións municipais que padeceron represión despois do golpe militar de 1936. A base de datos coa información porase a disposición dos concellos para que lembren e organicen homenaxes aos representantes públicos que padeceron asasinato, prisión ou exilio.
- Homenaxe ás corporacións represaliadas. O 28 de xullo de 2016, 80 anos despois do golpe militar, a Deputación da Coruña rende homenaxe ás corporacións democráticas represaliadas en 1936. O acto está presidido por dous retratos de José López Bouza e Ánxel Casal, presidente e vicepresidente da Deputación da Coruña paseados no verán de 1936. Participan representantes institucionais dos concellos nun acto que se desenvolve na propia sede da Deputación.
- Participación da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás. A Deputación convoca en agosto de 2017 a primeira reunión do grupo promotor da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás que ten como obxectivo poñer fin á posesión da propiedade pola familia Franco e a súa incorporación ao Patrimonio público. Con este fin, elabóranse un informe xurídico e outro histórico para iniciar un proceso en que participan concellos e outras institucións, ademais de entidades de recuperación da memoria histórica.
- Colaboración coas entidades de recuperación da memoria histórica. A través das liñas de axuda ou con apoios específicos para proxectos e actividades, a Deputación da Coruña contribúe e participa nas iniciativas das asociacións que traballan na recuperación da memoria histórica, piares fundamentais para o remate do silencio sobre a represión franquista.
Cultura e lingua
- Ordenanza Lingua galega. En maio de 2016 aprobouse a ordenanza de uso da lingua galega, o documento oficial que impulsa e inclúe o uso da nosa lingua en todos os ámbitos de actuación e busca ser unha ferramenta útil para fomentar uso do galego na Deputación da Coruña.
- Colaboración con asociacións e proxectos de dinamización lingüística. A Deputación apoia iniciativas de normalización lingüísticas como o Correlingua, Youtubeir@s ou Tíralle da LIngua e entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG ou a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística para promover o uso do galego, moi especialmente entre a xente nova. Coa MNL participou no proxecto Tosta de linguas minorizadas.
- Servizos de Normalización Lingüística: A Deputación da Coruña financia todos os anos a contratación do persoal dos servizos de normalización lingüística dos concellos.
- Bolsas de investigación específicas. En 2016 creouse unha nova área nas bolsas de investigación: a de planificación sociolingüística da lingua galega, pola que se apoian cada ano dúas investigacións neste campo.
- Quero Cantar. O concurso de música infantil e xuvenil Quero Cantar naceu en 2016 como unha iniciativa que busca achegar ás xeracións máis novas ao uso da nosa lingua a través da canción.
- Criterios e programas específicos na Rede Cultural. A lingua galega é a vehicular do circuíto cultural da Deputación da Coruña, que promove de maneira especial a difusión da creación nosa cultura. O circuíto da Deputación da Coruña inclúe na vindeira edición un novo programa de contidos específicos para a dinamización da lingua galega. A través de “Lingua a escena!” os concellos poderán contratar espectáculos musicais e escénicos que aborden de xeito específico a normalización do noso idioma.
- Liña de contidos audiovisuais en lingua galega. A área de Cultura crea unha nova liña de axudas, a primeira para empresas audiovisuais, e de carácter específico para favorecer a distribución e a exhibición de filmes en lingua galega
Acceso á oferta cultural no territorio
A acción cultural da Deputación da Coruña conta cunha ferramenta específica para apoiar a existencia dunha oferta cultural ampla e diversa no conxunto dos concellos e comarcas da provincia.
A Rede Cultural, cun orzamento anual de 2.000.000 €, apoia a actividade artística profesional e non profesional do campo das artes escénicas, a música e o audiovisual a través dun sistema de cofinanciamento das programacións, con catro programas especializados:
- ESCENA AO VIVO. Programación profesional de teatro, monicreques e danza para concellos.
- VISIÓNS. Programación profesional de cinema e contidos audiovisuais para concellos.
- ALICERCE. Programación de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades.
- LINGUA AO VIVO! Novo programa de espectáculos profesionais de artes escénicas e música para concellos, especializado en contidos relacionados coa dinamización social da lingua galega.
Recursos, transparencia e obxetividade
Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña desenvolvemos a nosa aposta pola cooperación cultural con concellos e entidades a través, fundamentalmente, da convocatoria anual de subvencións.
Fronte á fórmula precedente das subvencións nominativas, apostamos pola súa eliminación e pola creación de liñas específicas de concorrencia competitiva: claras, transparentes, eficaces, con criterios de baremación obxectivos e con comisións de valoración das que participan persoas expertas alleas á propia Deputación.
O novo modelo de axudas explícase cos seguintes datos e criterios:
- Concorrencia fronte discrecionalidade. Eliminación de subvencións nominativas e substitución por liñas específicas de concorrencia competitiva.
- Baremación obxectiva. Elimínase o “interese provincial” e créanse comisións de valoración con representantes dos propios sectores. Nas liñas, o 70% da valoración é obxectiva e o 30% restante valórano persoas expertas de cada campo cultural.
- Diálogo cos sectores. Na creación e valoración das liñas contouse co contraste directo cos diferentes axentes de cada sector cultural.
- Atención específica a cada ámbito. Créanse liñas específicas para festivais, para fundacións e para entidades de cultura popular e tradicional (bandas de música popular, corais polifónicas, escolas e grupos de música e baile tradicional…).
- Creación de emprego. Foméntase a contratación de persoal técnico no campo da xestión cultural e dos museos e centros de interpretación locais.


