- Os encontros do 3 e do 17 de outubro reunirán profesionais da cultura, a acción social, a educación, a saúde e os coidados para explorar novas formas de colaboración desde a proximidade.
- Da creación compartida á prescrición cultural, os encontros abordarán experiencias que sitúan a cultura en relación directa cos retos sociais, os coidados e o benestar das comunidades.
- Maria Vlachou, Eva García, Fátima Vieira e Marta Font Cifré achegarán experiencias de Portugal, Cataluña e Euskadi para poñelas en diálogo co contexto galego.
A Coruña, 24 de setembro de 2026. A cultura, a acción social, a educación ou a saúde traballan desde ámbitos profesionais diferentes, pero comparten unha realidade: forman parte da vida cotiá das persoas e das comunidades. Que posibilidades aparecen cando estes ámbitos se recoñecen como posibles aliados? Que poden aprender uns doutros? E que condicións son necesarias para construír colaboracións que sexan útiles, responsables e sostibles?
Estas preguntas estarán no centro das dúas xornadas profesionais que a Deputación da Coruña celebrará os días 3 e 17 de outubro, destinadas a conectar profesionais da cultura con persoas que traballan na acción social, a educación, a saúde, os coidados e o ámbito comunitario. As citas combinarán experiencias profesionais, diálogo e traballo en grupos pequenos co obxectivo de contrastar prácticas, compartir dificultades e explorar posibilidades de colaboración desde a proximidade.
“A cultura forma parte da vida das persoas e pode xerar espazos de participación, encontro e comunidade. Con estas xornadas queremos facilitar que profesionais de ámbitos diferentes poidan coñecerse, compartir experiencias e explorar novas formas de colaboración que teñan sentido no noso contexto”, sinala Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña.
Nos últimos anos, cada vez máis iniciativas culturais incorporan a inclusión, a participación comunitaria, os coidados, o benestar ou o traballo con persoas en situacións de vulnerabilidade. Este escenario abre novas posibilidades de colaboración, pero tamén require coñecer e respectar os marcos, os tempos e as responsabilidades de cada ámbito profesional: con quen colaborar, como incorporar a participación das persoas e das comunidades ou que condicións son necesarias para evitar simplificar ou instrumentalizar realidades sociais e sanitarias son algunhas das cuestións que atravesarán as xornadas.
Para ampliar esta conversa, as xornadas incorporarán experiencias desenvolvidas en Portugal, Cataluña e Euskadi, que se poñerán en diálogo co contexto galego. Máis que trasladar modelos, a proposta é coñecer outros percorridos, aprendizaxes e dificultades para contrastalos coas prácticas que xa existen en Galicia e explorar que posibilidades poden abrirse desde a realidade máis próxima.
As xornadas vincúlanse tamén ao Premio de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social da Deputación da Coruña, que a institución quere reforzar non só como unha convocatoria de apoio económico, senón tamén como unha ferramenta para recoñecer, conectar e acompañar un ecosistema cultural comprometido coa inclusión, a cohesión social e a vida comunitaria. Os encontros permitirán ampliar estas relacións con profesionais e entidades dos ámbitos cultural, social, sanitario e comunitario e explorar novas colaboracións e sinerxías.
Cultura e acción social: do acceso á creación compartida
A primeira xornada, o 3 de outubro, centrarase na relación entre cultura e acción social e en como conectar o traballo cultural co de profesionais que acompañan a infancia, a adolescencia, a mocidade ou as persoas maiores, especialmente en situacións de vulnerabilidade. A participación, a inclusión e a creación compartida serán algunhas das cuestións que atravesarán a conversa.
Maria Vlachou, cofundadora e directora executiva de Acesso Cultura, achegará desde Portugal a súa experiencia arredor da participación na vida cultural e das barreiras que aínda a condicionan. Xunto a ela, Eva García, especialista en creación artística comunitaria e mediación con perspectiva de dereitos, comisaria das Jornadas de Inclusión en las Artes Escénicas do INAEM e responsable da conceptualización e mediación comunitaria de Òpera Prima, do Gran Teatre del Liceu, abordará os retos, aprendizaxes e límites que aparecen nos procesos de creación coas comunidades.
Cultura e saúde comunitaria: da prescrición cultural á práctica
O 17 de outubro, a segunda xornada trasladará a conversa á relación entre cultura, saúde e coidados, explorando como favorecer colaboracións próximas á vida cotiá das persoas e que condicións e responsabilidades require o traballo compartido entre profesionais destes ámbitos.
Fátima Vieira, profesora catedrática da Universidade do Porto e unha das impulsoras do Consórcio de Prescrição Cultural da Rexión Norte de Portugal, compartirá a experiencia de colaboración entre institucións culturais, universidades e profesionais da saúde. Marta Font Cifré, directora de Gertu Kultura e directora estratéxica de K6 Gestión Kultural, achegará a experiencia vasca na conexión entre entidades culturais e sociais e o ámbito da saúde, incluída a colaboración con Osakidetza.
“Interésanos poñer a conversar profesionais que comparten preocupacións e comunidades, pero que non sempre teñen espazos para pensar xuntas. As experiencias doutros contextos son un punto de partida para contrastar o que xa estamos a facer aquí, compartir dúbidas e identificar posibilidades de colaboración desde a realidade galega”, explica Sergio Lago, comisario do proxecto.
As dúas xornadas parten así dunha mesma idea: favorecer que profesionais que traballan coas mesmas persoas e comunidades desde ámbitos diferentes poidan recoñecerse, compartir coñecementos e abrir novas posibilidades de traballo conxunto. Un diálogo que pon a cultura en relación coa acción social, a saúde e os coidados, atendendo tanto ao seu potencial como ás condicións necesarias para construír colaboracións útiles, responsables e sostibles.


