Cultura para a vida mellor (2ª Xornada)

Cultura para a vida mellor (2ª Xornada)
Como podemos colaborar desde a cultura, a saúde e os coidados para mellorar o benestar da comunidade?
Participar nunha actividade cultural, crear con outras persoas ou atopar un espazo no que sentirse parte da comunidade pode contribuír ao noso benestar. Como podemos favorecer esas oportunidades desde unha biblioteca, unha asociación, un centro de saúde ou un pequeno espazo cultural? Que necesitamos para conectar o traballo de quen promove a cultura co de quen acompaña a saúde e os coidados? Esta xornada ofrece un lugar de encontro entre profesionais destes ámbitos para coñecer experiencias inspiradoras e explorar colaboracións próximas á vida cotiá. Está pensada tamén para quen traballa a pequena escala e quere descubrir por onde empezar ou como dar continuidade a unha relación que xa existe.
Combinaremos experiencias profesionais con conversas e traballo en grupos pequenos, nos que poderás compartir a túa práctica, contrastar dúbidas e coñecer outras maneiras de abordar retos comúns. Achegarémonos a propostas que conectan as persoas cos recursos culturais da contorna, preguntándonos como funcionan e que podemos aprender delas. Farémolo cunha linguaxe accesible, atendendo ás posibilidades da cultura e tamén aos seus límites. Colaborar no ámbito da saúde, especialmente con persoas en situación de vulnerabilidade, require comprender o papel de cada profesión, escoitar os seus coñecementos e construír relacións de confianza e responsabilidade.
Queremos que saias con inspiración para o teu traballo, criterios e ferramentas para explorar colaboracións e novas conexións con persoas doutros ámbitos. Que poidas recoñecer posibles aliadas no teu territorio e imaxinar pasos concretos, asumibles desde os recursos e as relacións que tes preto. Porque contribuír ao benestar dunha comunidade empeza moitas veces por algo próximo: profesionais que comparten a preocupación pola vida das persoas, atopan tempo para falar e deciden facer algo xuntas.
Dirixida a: Profesionais e entidades da cultura, da saúde, do ámbito sociosanitario e do traballo comunitario.
Esta xornada compleméntase cun encontro previo sobre cultura e acción social (3 de outubro). Podes solicitar praza nunha delas ou nas dúas de maneira independente.
Participación gratuíta, con aforo limitado, mediante solicitude de inscrición previa e confirmación de praza.
Ligazóns de interese
Compartir