- A Área de Cultura da Deputación da Coruña reuniu o pasado sábado representantes de diferentes iniciativas recoñecidas nas edicións de 2025 e 2026 dos Premios de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social.
- O encontro permitiu compartir experiencias e necesidades, favorecer novas relacións entre os proxectos e recoller propostas para seguir mellorando o apoio público a iniciativas culturais con impacto social.
A Coruña, 28 de setembro de 2026. A cultura como ferramenta para recuperar a memoria, facer máis accesible o patrimonio, reforzar os vínculos comunitarios, favorecer a inclusión ou reflexionar sobre cuestións como a vivenda, a identidade e a relación coa contorna. Son algunhas das perspectivas que se atoparon o pasado sábado na Sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña, nunha xornada que reuniu representantes dos proxectos recoñecidos nas edicións de 2025 e 2026 dos Premios de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social.
Ao longo do día, 20 persoas en representación de 13 iniciativas compartiron experiencias e aprendizaxes desde ámbitos e linguaxes moi diversos. Participaron no encontro ComunitArte: comunicación, comunidade e arte, de María Victoria Teijeiro Álvarez; Pata de elefante: Alta costura, de Elefante Elegante; Martinete: maquetas accesibles do patrimonio industrial galego, de Despunte Diseño e Ingeniería; Miña casiña, meu lar, de Laboratorio Escénico Coop.; A Rede do Mar: memoria mariñeira e saberes do mar, de AAntena; CLIC. Programa de mediación cultural sobre o fin prematura da infancia, de Culturactiva; e Proxecto RUPESTRE SONORO, de aCentral Folque e Noente Paradise.
Completaron a participación Somos os monstros, de Berrobambán; ALCUMES, de A Furna S. Coop. Galega Xuvenil; Cámara Escura: Caderno de petróglifos da Coruña, de Martela Films; O noso pasar: A nosa fantasía, o videoxogo sobre o turismo de Melgo Cinema; Vidas de vidro: videolibro de memoria e resiliencia LGTBI e guía de boas prácticas para a terceira idade, de Promove Consultoría e Formación; e Soños analóxicos, de Sinsal Audio. En conxunto, as propostas abordan cuestións vinculadas á memoria e ao patrimonio, a inclusión e a accesibilidade, a creación e mediación cultural, os vínculos comunitarios ou a transmisión de saberes, entre outras realidades.
A diversidade de aproximacións permitiu poñer en común maneiras diferentes de entender a cultura non só como creación ou acceso aos bens culturais, senón tamén como espazo de participación, transmisión de coñecemento, construción de comunidade e mellora da vida das persoas.
Escoitar para seguir avanzando
A xornada tivo tamén unha importante dimensión de escoita. A través de diferentes dinámicas de traballo, as persoas participantes compartiron dificultades, necesidades e aprendizaxes e abordaron cuestións relacionadas coa sustentabilidade dos proxectos, o seu impacto social e as posibilidades de colaboración entre iniciativas.
Entre os principais retos compartidos durante o encontro apareceron cuestións como a continuidade dos proxectos máis alá das convocatorias, a capacidade para consolidar e ampliar o seu impacto e a necesidade de fortalecer as redes de colaboración entre iniciativas e axentes culturais. As persoas participantes coincidiron especialmente na importancia de contar con ferramentas e espazos de acompañamento que favorezan a continuidade, o intercambio de coñecemento e a conexión entre proxectos, unha das cuestións que a Área de Cultura recollerá para orientar futuras accións de apoio e acompañamento.
A posta en común permitiu tamén detectar puntos de encontro entre iniciativas que traballan desde disciplinas, contextos e metodoloxías diferentes, e abriu a posibilidade de explorar novas colaboracións, intercambiar recursos e coñecementos e dar continuidade aos vínculos xerados durante a xornada. Un resultado que reforza un dos obxectivos do encontro: que os Premios sirvan tamén para conectar iniciativas que, desde ámbitos distintos, comparten unha mesma vontade de incidencia social a través da cultura.
As achegas recollidas servirán á Área de Cultura da Deputación da Coruña para incorporar aprendizaxes ás próximas edicións dos Premios e identificar ferramentas, apoios ou posibles liñas de traballo que contribúan á continuidade e ao impacto destas iniciativas.
“Estes proxectos permítennos coñecer de primeira man como a cultura está respondendo a necesidades moi diferentes nas nosas comunidades. Para a Deputación é fundamental escoitar a quen os impulsa, entender con que dificultades se atopan e incorporar ese coñecemento ás políticas culturais. Queremos que os Premios sexan un punto de partida para seguir acompañando estas iniciativas, favorecer a súa continuidade e crear condicións para que poidan chegar máis lonxe”, sinala Xavier Campos, asesor cultural da Deputación da Coruña.
Con esta xornada, a Deputación dá un novo paso no percorrido iniciado coas dúas primeiras edicións dos Premios de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social: do recoñecemento e apoio ás iniciativas á creación dun espazo no que compartir coñecemento, establecer vínculos e escoitar as necesidades dun ecosistema cultural que traballa desde a proximidade para mellorar a vida das persoas e das comunidades.

















