Saltar ao contido
>

> Cía martaalonsotejada

Cía martaalonsotejada

SO-FA(r) from me (aéreo) | Espectáculo de rúa · 30 minutos

“So-fa(r) from me” é unha peza de danza sobre estar preto… e sentirnos lonxe.

Dúas persoas tentan facer algo tan sinxelo —e tan complicado— como compartir tempo, espazo e atención, mentres o mundo non deixa de reclamarlles cousas.

Un dúo físico e preciso que fala da convivencia, do cansazo e do esforzo cotián por non desconectarnos de quen temos ao lado.

Unha peza de danza sobre unha parella que podería ser a túa.

Ficha artística

  • Interpretación: Marta Alonso Tejada e Pablo Reboleiro
  • Creación: Marta Alonso Tejada, Pablo Reboleiro, Marcos PTT
  • Coreografía e movemento: Cía Sharon Fridman (Melania Olcina Yuguero, Arthur Bernard Bazin), Marta Alonso Tejada, Pablo Reboleiro
  • Espazo sonoro: Mounqup, Pablo Reboleiro, Marcos PTT
  • Sofá: Jose Perozo & Sandra Camalea

Sobre Marta Alonso Tejada

Marta Alonso Tejada é coreógrafa, directora e performer. O seu traballo sitúa o corpo como un espazo de encontro, onde a danza contemporánea dialoga co humor, o teatro físico e a participación do público. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu unha linguaxe propia, creando pezas para teatros, rúa e espazos non convencionais, cunha mirada centrada na experiencia compartida.

Foi galardoada con tres Premios María Casares, Premio Fetén e en 2025 converteuse na primeira coreógrafa en dirixir a Gala dos Premios Mestre Mateo para a Academia Galega do Audiovisual. Tamén traballa como directora de movemento en proxectos escénicos e audiovisuais como A Serie Clopen do Centro Dramático Galego.

Á fronte de martaalonsotejada cía, impulsa un proxecto artístico que combina creación, mediación e pensamento escénico, en diálogo con diferentes colaboradores segundo cada proceso.

Entre eles, destaca Pablo Reboleiro (pistacatro), con quen desenvolve unha liña de traballo compartida en pezas como Sofá, explorando as relacións, o humor e o cotián desde o corpo.

Obradoiro

“Bailar pegados”… é bailar?

Un convite a moverse en relación: achegarse, separarse, coincidir e crear.

Xogarase co contacto, co peso e co equilibrio, deixando que o movemento fale, atopando corpos que se atopan, que se sosteñen e ás veces se descolocan.

Iranse creando parellas, cambiando de parella, creando pequenos grupos e abrindo o encontro a diferentes corpos e formas de estar xuntas.

Aparecerán tamén obxectos, como disparadores de creación.

Un espazo para probar, escoitar e deixarse levar, coa idea de pasalo ben.

Web e redes sociais

WEB
@martaalonsotejada
@pablotrasno
Teaser

Compartir