Saltar ao contido
>

A Deputación inaugura no Museo do Pobo Galego  a exposición do 20º premio internacional Luís Ksado de creación fotográfica   

A Deputación inaugura no Museo do Pobo Galego  a exposición do 20º premio internacional Luís Ksado de creación fotográfica   

  • A deputada de cultura, Natividade González, inaugurou a mostra, que recolle as fotografías gañadoras e finalistas desta edición 
  • Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026. O Museo do Pobo Galego acolleu onte a inauguración da exposición das fotografías gañadoras e finalistas do 20º premio internacional Luís Ksado de creación fotográfica da Deputación. A deputada de cultura, Natividade González, participou no acto, onde salientou o compromiso da entidade provincial “co talento emerxente e coas miradas xa consagradas que fan da imaxe a súa linguaxe e unha ferramenta de pensamento que moitas veces pasa inadvertido”. 

A xornada de tarde comezaba cunha conferencia do gañador da última edición, Miguel Muñiz, sobre a súa obra Aventados, da que o xurado destacou o seu traballo de gran coherencia narrativa e pola súa atmosfera evocadora que documenta con visión poética ás persoas no seu entorno rural. A continuación inaugurouse a exposición das obras premiadas e finalistas de 2026: Néboa, de Carlos Folgoso Sueiro (Verín, Ourense); Terra negra, de Tono Arias (A Estrada, Pontevedra); Terra de promesas, de Roberto de la Torre Camiña (Vigo); Latencia, de Rodrigo Sánchez Suárez (Oleiros) e La mente vaciada, de Raquel López Pajares (Madrid). No acto participaron o fotógrafo e comisario da exposición Xurxo Lobato, o galardoado Miguel Muñiz, a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández Cerviño, e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González. 

A deputada de cultura sinalou durante a súa intervención inaugural que o premio Luís Ksado de creación fotográfica da Deputación, “que honra un legado, vai co presente e mira cara ao futuro. Durante dúas décadas foi quen de acompañar a evolución da fotografía galega e de proxectar novas voces, consolidándose como un referente que transcende o propio certame para formar parte da nosa política pública de apoio á creación”. Tamén destacou a calidade da exposición, que percorrerá diferentes concellos da provincia, “un conxunto plural que amosa a riqueza de voces, miradas e sensibilidades que percorre hoxe a fotografía documental”. 

A programación paralela do XX Premio Luís Ksado de Creación Fotográfica remata hoxe, 8 de outubro, ás 19:00 horas, tamén no Auditorio do Museo do Pobo Galego, co acto institucional de declaración de José Suárez como Fotógrafo Histórico, coa participación de Natividade González, Manuel Sendón e Xurxo Lobato. 

Compartir

Novas destacadas

Omar Árcega Morales gaña o XXI Premio Internacional de Arte Gráfica “Jesús Núñez” da Deputación coa obra “Mareacimática” 

A IX edición de INTERSECCIÓN reúne 27 filmes de 22 países co apoio da Deputación  

Unha nova xornada formativa da Rede Cultural da Deputación da Coruña explorará como aumentar a participación do público