Saltar ao contido
>

A Deputación colabora con Culturgal, que se expande co público como gran protagonista

A Deputación colabora con Culturgal, que se expande co público como gran protagonista

O salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu hoxe a presentación da 16ª edición de Culturgal, que terá lugar do 1 ao 3 de decembro. Ao acto asistiron Víctor López, presidente de Culturgal; Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Jacobo Sutil, director de Agadic; Marta Fernández Tapias, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra; e Camilo Franco, director de Culturgal.

Natividad González destacou o papel da Feira para “dar a coñecer as propostas de máis actualidade do mundo da cultura”, que tamén supón unha oportunidade para a Deputación da Coruña para dar a coñecer as iniciativas desenvolvidas pola institución cos públicos, que son “os auténticos protagonistas”.

A Feira das Culturas Galegas contará en 2023 con cinco escenarios: Literatura, Música, Escénicas, Infantil e Arte. Por eles veremos desfilar propostas do máis variado (recitais, avances, proxeccións, obradoiros, presentacións, concertos…) que inclúen nomes como Leilía, Bernardo Atxaga, Paula Carballeira, Yolanda Castaño, Jaione Camborda, Leilía ou a Orquestra Galega de Liberación.

A colaboración da Deputación con Culturgal enmárcase no seu compromiso de poñer en valor a riqueza e diversidade cultural do país entre toda a cidadanía, nunha mostra que xa é referente e onde, ademais, a área de cultura da institución provincial exhibirá os seus propios proxectos.

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’