Saltar ao contido
>

A Rede Cultural 2026 programa 1233 actuacións cun investimento de 1,57 millóns de euros

A Rede Cultural 2026 programa 1233 actuacións cun investimento de 1,57 millóns de euros

A Rede Cultural 2026 da Deputación da Coruña programará un total de 1233 actuacións, nunha axenda que chegará a todos os concellos da provincia. O investimento da administración provincial no circuíto alcanza os 1 571 167,01 euros. Teatro, monicreques, maxia, danza, música, cinema, narración oral e outros contidos para a dinamización social do galego completan un amplo catálogo.

Os diferentes espectáculos distribúense entre catro programas:

Escena ao vivo, programa de propostas profesionais de teatro, monicreques, maxia, danza e música para concellos, incluirá 918 actuacións (515 de teatro, 269 concertos, 107 de maxia e 27 de danza).

Visións, programa profesional de cinema e contidos audiovisuais para concellos: 71 proxeccións.

Lingua a escena!, programa de espectáculos profesionais de música, teatro, danza, maxia, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega, para concellos: 110 actuacións.

Alicerce, programa de grupos de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades: 134 actuacións.

A Deputación asume o 75% do orzamento das actuacións da Rede Cultural en concellos de menos de 5000 habitantes, o 60% nos que teñen entre 5001 e 10 000, o 50% nos de entre 10 001 e 20 000, o 40% nos de entre 20 001 e 50 000 e finalmente un 30% nos de máis de 50 001.

«Con esta nova edición da Rede Cultural consolidamos un modelo descentralizado, sustentábel e participativo, que sitúa a cultura como un dereito e un servizo público», sinala a deputada de Cultura, Natividade González. «A cultura», engade, «crea comunidade, xera emprego e, sobre todo, emociona e transforma; e desde a Deputación seguiremos traballando para garantir este dereito en todos os recantos da provincia».

Para González, «a cultura é un motor de desenvolvemento social e económico, e este investimento permitirá achegar a todos os concellos, mesmo aos máis pequenos, unha programación diversa e de calidade que reflicte a riqueza e o talento do sector, desde o teatro á música, a danza, o cinema, a maxia ou a narración oral».

O departamento de Cultura provincial segue apostando, segundo a deputada, «por un circuíto que tece redes e que, desde a proximidade e en colaboración coas administracións locais, enriquece a vida da veciñanza, ademais de proporcionar un espazo de traballo relevante e ofrecer oportunidades profesionais a compañías e artistas».

A resolución de adxudicación aos concellos dos espectáculos da Rede Cultural 2026 pode consultarse no BOP núm. 71, do 17 de abril de 2026.

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’