As Torres do Allo convertéronse hoxe no escenario de presentación da nova edición de Escora Danza, un proxecto de danza contemporánea da Deputación da Coruña social e comunitario, que parte do territorio da Costa da Morte para configurar un programa a través dun traballo conxunto co tecido cultural e social de cada un dos 5 concellos participantes: Zas, Corcubión, Mazaricos, Camariñas e Carnota.
Representantes dos concellos, así como das asociacións locais e das compañías de danza reuníronse esta mañá co equipo de Escora Danza e coa deputada de cultura, Natividade González e o asesor de cultura da Deputación, Xavier Campos, para reflexionar sobre o proxecto e poñer en común ideas, inquedanzas e experiencias. Posteriormente, presentaron este proxecto que é “froito do traballo conxunto coa veciñanza de cada territorio”, apuntou a deputada.
Un proxecto de mediación
Escora Danza, sinalou, “é un proxecto de mediación no que están cinco concellos implicados que nace aquí, na Costa da Morte, un territorio cunha identidade propia. A partir deste territorio programamos e interactuamos”. É, polo tanto, “moito máis que unha programación; a danza é a linguaxe artística empregada neste caso, pero o foco e o valor diferencial está nese traballo previo xunto coas asociacións e entidades locais de cada concello”.
Natividade González convidou ademais a toda a veciñanza a formar parte deste proxecto, que “durante o mes de maio encherá as rúas de danza contemporánea, con espectáculos que, algúns, son o resultado dese traballo previo”. Unha programación que inclúe “propostas escénicas, residencias, encontros, co obxectivo de transformar e construír unha actividade viva e dinámica”. González resumiu Escora Danza como un “proxecto de territorio, identidade e comunidade do que nos sentimos especialmente orgullosas”.
A comisaria e coordinadora de Escora Danza, Marcia Vázquez, destacou tamén a “función de mediación” do proxecto. “Para programar, é primordial entender como funciona cada lugar, parroquia e vila para que a xente se involucre e, partindo diso, facer a mellor proposta en base ás súas peculiaridades. Cada espectáculo de Escora Danza está moi pensado e traballado de maneira previa coa veciñanza”. Unha colaboración “esencial” xa que, engadiu, “se a veciñanza baila esta experiencia dende a súa orixe vai recibir o espectáculo doutra maneira, cun achegamento máis sincero e honesto”.
Marcia tamén resaltou a diversidade deste proxecto, “que representa a propia diversidade da Costa da Morte”, e tamén a súa accesibilidade.
Dende a asociación Agro de Baio, David Canto apuntou que Escora Danza, “é un punto de conexión entre a danza moderna e a tradición, cun espectáculo dirixido por unha persoa que representa perfectamente esa conexión como Fran Sieira”. Ademais, “é unha maneira de cohesión interxeracional, e de unirnos e de levar a nosa danza á vila dunha maneira á que non estamos acostumados”.
Pola súa parte, o responsable das residencias de Camelle “Casa no Alto”, Pablo López, destacou a “sorte” de poder formar parte do proxecto, e de “recibir ao colectivo Vacaburra e poñer en marcha máis actividades co instituto e, por suposto, a mostra de danza. Temos moita sorte por recibir a Escora e facer estas cousas para Camelle e Camariñas”.
Programación
A programación de danza comezará o día 15 de maio en Zas, onde tamén terá lugar outra actividade o día 17; en Camariñas, os días 16 e 18; en Mazaricos, o 18 e o 19; Corcubión o 24 e o 25 e en Carnota, o 26.
- Zas:
15 de maio: Obradoiro co alumnado de 1º de Bacharelato do IES Maximino Romero. 17 de maio: Espectáculo de danza creado por Fran Sieira e Asociación Cultural Adro de Baio nas Torres do Allo. Posteriormente haberá unha foliada aberta.
- Camariñas:
16 de maio: Actividades co alumnado do instituto Pedra da Aguía no Museo de Man de Camelle.
18 de maio: Espectáculos de danza na rúa e pandereiteiras.
- Mazaricos:
Día 18: Obradoiros para a veciñanza de Arcos pola compañía A Artística.
Día 19: Espectáculos de danza na rúa.
- Corcubión:
Días 21 e 24: Obradoiros con Félix Fernández.
Día 25: Obradoiro de danza con Ánxela Blanco e Beatriz Rubio para as familias da Plataforma Reiseñores e espectáculos de danza na rúa.
- Carnota:
Día 26: Obradoiro co Clube de Fútbol De Carnota e coa asociación Sonlilá, e espectáculos de danza na rúa.
O programa completo pode consultarse na páxina web de Escora Danza: https://escoradanza.gal/





