- O fotógrafo, Premio Nacional de Fotografía, impartirá hoxe, 1 de outubro, unha clase maxistral no Centro Ágora da Coruña
- A programación continuará o día 5 coa entrega do recoñecemento a José Suárez como Fotógrafo Histórico e o día 6 coa clase maxistral de Juan Manuel Castro Prieto
- O 7 e o 8 de outubro, o Museo do Pobo Galego acollerá a conferencia de Miguel Muñiz, gañador desta edición, a exposición das obras premiadas e finalistas e o acto institucional de declaración de José Suárez como Fotógrafo Histórico
- A Coruña, 1 de outubro de 2026. – A 20ª edición do Premio ‘Luís Ksado’ de creación fotográfica da Deputación da Coruña comeza hoxe a súa programación cunha clase maxistral do fotógrafo Joan Fontcuberta, recoñecido co Premio Nacional de Fotografía. A sesión terá lugar no Centro Ágora da Coruña, de 16:30 a 20:00 horas.
A programación continuará o vindeiro 6 de outubro, tamén no Centro Ágora e no mesmo horario, cunha clase maxistral de Juan Manuel Castro Prieto, igualmente galardoado co Premio Nacional de Fotografía.
Ademais das dúas clases maxistrais, o programa desta 20ª edición inclúe diferentes actividades arredor da fotografía e da figura de José Suárez, recoñecido este ano como Fotógrafo Histórico.
Actividades no Museo do Pobo Galego
O 7 de outubro, ás 18:00 horas, terá lugar no Auditorio do Museo do Pobo Galego unha conferencia de Miguel Muñiz, gañador desta edición do Premio ‘Luís Ksado’ coa serie Aventados, destacada polo seu traballo de gran coherencia narrativa e pola súa atmosfera evocadora que documenta con visión poética ás persoas no seu entorno rural.
A continuación, ás 19:00 horas, inaugurarase a exposición das obras premiadas e finalistas da edición 2026: Néboa, de Carlos Folgoso Sueiro (Verín, Ourense); Terra negra, de Tono Arias (A Estrada, Pontevedra); Terra de promesas, de Roberto de la Torre Camiña (Vigo); Latencia, de Rodrigo Sánchez Suárez (Oleiros) e La mente vaciada, de Raquel López Pajares (Madrid). No acto participarán o fotógrafo e comisario da exposición Xurxo Lobato, o galardoado Miguel Muñiz, a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández Cerviño, e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González.
O 8 de outubro, ás 19:00 horas, tamén no Auditorio do Museo do Pobo Galego, celebrarase o acto institucional de declaración de José Suárez como Fotógrafo Histórico, coa participación de Natividade González, Manuel Sendón e Xurxo Lobato.
Toda a información sobre a programación do Premio ‘Luís Ksado’ pode consultarse na páxina web da Deputación da Coruña: https://www.dacoruna.gal/cultura/premios/ksado/.


