Cultura para a vida mellor (1ª Xornada)

Cultura para a vida mellor (1ª Xornada)
Como podemos colaborar desde a cultura e o ámbito social para mellorar a vida das persoas?
Unha biblioteca, unha asociación, un pequeno espazo cultural ou calquera servizo municipal sociocultural poden ser lugares desde os que construír vínculos e facer posible unha vida mellor. Pero como podemos conectar o traballo cultural co de quen acompaña a infancia, a adolescencia e a mocidade ou as persoas maiores? Como favorecer unha participación con sentido, especialmente cando traballamos con persoas en situación de vulnerabilidade? Esta xornada propón un encontro entre profesionais da cultura, do ámbito social e do traballo comunitario para coñecer experiencias que nos inspiren e descubrir posibilidades de colaboración desde a proximidade. Se traballas nunha iniciativa pequena, nun equipamento de barrio ou acompañando persoas no día a día, as túas preguntas e a túa experiencia teñen lugar aquí.
Ao longo do día combinaremos experiencias profesionais con conversas e dinámicas en grupos pequenos. Haberá espazo para compartir o que estamos a facer, contrastar dúbidas e dificultades propias e coñecer como traballan persoas doutros ámbitos: que poden achegar, que responsabilidades asumen e que necesitan para colaborar. Traballar coas persoas no centro da acción cultural require rigor, coidado e confianza; por iso nos interesa falar tanto das posibilidades como dos límites, e das condicións que permiten construír relacións continuadas cunha comunidade.
A proposta é que poidas levar novas ideas para a túa práctica, ferramentas para iniciar colaboracións e contactos de profesionais cos que seguir conversando. Tamén unha mirada máis ampla sobre os recursos e saberes que xa existen preto de ti, e sobre como conectar con eles para impulsar iniciativas á medida do teu contexto. Porque unha vida mellor constrúese tamén así: con profesionais de proximidade que se preocupan polas persoas, se recoñecen como posibles aliadas e deciden traballar mellor xuntas.
Dirixida a: Profesionais e entidades da cultura, da acción social, da inclusión, da educación social, da mediación e da participación comunitaria.
Esta xornada compleméntase cun encontro posterior sobre cultura e saúde comunitaria (17 de outubro). Podes solicitar praza nunha delas ou nas dúas de maneira independente.
Participación gratuíta, con aforo limitado, mediante solicitude de inscrición previa e confirmación de praza.
Ligazóns de interese
Compartir