Martiño de Dumio: a espiritualidade popular no Reino de Galiza





Martiño de Dumio: a espiritualidade popular no Reino de Galiza
Presentado
- Orgullo Galego S.L.
Colaboran
A través da figura de Martiño de Dumio, unha das personalidades máis influentes da Galicia sueva do século VI, este proxecto explora as crenzas, ritos e prácticas espirituais que formaban parte da vida cotiá da poboación do Reino de Galiza.
A proposta nace coa intención de trasladar ao gran público un coñecemento histórico e antropolóxico de gran valor, empregando formatos actuais e accesibles que permitan conectar o pasado co presente.
O eixo central do proxecto é a análise do De Correctione Rusticorum, un sermón no que Martiño de Dumio condenaba numerosas prácticas consideradas pagás. Paradoxalmente, este texto converteuse nunha fonte excepcional para coñecer aspectos da espiritualidade popular galega, documentando tradicións vinculadas aos amilladoiros, ás fontes, ás herbas, aos agoiros, ás figuras míticas ou aos ritos asociados ao calendario anual.
Moitas destas manifestacións culturais chegaron ata a actualidade, converténdose nunha ponte directa entre a Galicia medieval e a contemporánea.
Para divulgar estes contidos produciuse unha serie audiovisual gravada en distintos espazos patrimoniais da provincia da Coruña, complementada cunha conversa en formato podcast, materiais gráficos para redes sociais e actividades presenciais de carácter divulgativo.
O proxecto superou os obxectivos iniciais, ampliando o número de pezas audiovisuais previstas e reforzando a accesibilidade mediante subtitulación e a creación de recursos complementarios.
A iniciativa tamén desenvolveu unha importante vertente educativa, levando os contidos a centros de ensino e espazos culturais co propósito de fomentar o interese pola historia medieval galega e polo patrimonio inmaterial do país. Deste xeito, o proxecto contribúe a poñer en valor o Reino de Galiza desde unha perspectiva innovadora, relacionando investigación histórica, divulgación cultural e memoria colectiva.
O proxecto nos medios
Compartir