








As veas da terra
Presentado
- Santos e Gontá S.L. (Vide, vide! Espazo Enocultural)
Colaboran
- Martiño Santos Manuel L. Poy Rubén Rial
A través da novela gráfica “As veas da terra”, este proxecto propón unha aproximación divulgativa á historia do viño en Galiza durante o período de esplendor do Reino medieval. A publicación combina investigación histórica e relato de ficción para explicar como a expansión da viticultura, do comercio e das relacións internacionais contribuíu ao desenvolvemento económico e cultural do país entre os séculos XII e XIII.
A obra sitúa no centro da narración o papel do viño como elemento vertebrador da sociedade medieval galega, conectando zonas produtoras, vilas comerciais e portos marítimos que permitiron a circulación dos viños galegos por distintos mercados europeos.
A través dunha trama accesible e visual, a novela achega ao público figuras, lugares e acontecementos históricos relacionados coa consolidación do Reino de Galiza e co auxe das actividades económicas vinculadas á produción e comercialización vitivinícola.
O proxecto compleméntase cun importante labor de contextualización histórica mediante mapas, textos explicativos e materiais divulgativos que permiten comprender mellor a evolución das cidades, das rutas comerciais, das zonas vitícolas e das conexións marítimas da época.
Ademais, desenvolveuse unha campaña de difusión orientada tanto ao ámbito cultural como ao sector do viño, aproveitando a capacidade deste medio para chegar a públicos diversos. A iniciativa destaca polo seu enfoque innovador, ao empregar o formato da banda deseñada para divulgar coñecemento histórico rigoroso dunha maneira atractiva e accesible. Deste xeito, contribúe a reforzar o coñecemento do Reino medieval de Galiza e a poñer en valor o papel que o viño desempeñou como recurso económico, cultural e identitario ao longo da nosa historia.
O proxecto nos medios
Compartir