Saltar al contenido
>

A Deputación participa na entrega do premio a Ancoraxe e Morraoconto, gañadores do V Certame Manuel María de Proxectos Teatrais 

A Deputación participa na entrega do premio a Ancoraxe e Morraoconto, gañadores do V Certame Manuel María de Proxectos Teatrais 

  • A deputada de Cultura, Natividade González, participou no acto que se celebrou esta mañá no Espazo Manuel María 
  • A obra gañadora, Semente de Dramón, contará con representacións nas cidades e vilas da provincia grazas á colaboración da Deputación da Coruña 
  • A Coruña, 9 de novembro de 2026. A obra Semente de Dramón, das compañías Ancoraxe e Morraoconto,é a obra gañadora do V Certame Manuel María de Proxectos Teatrais convocado pola Fundación Manuel María. Así se anunciou esta mañá nun acto celebrado no Espazo Cultural Manuel María, onde participou a deputada de cultura, Natividade González, xunto ao presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede;  o director do centro dramático galego, Fran Núñez e o xurado do certame, composto por Quico Cadaval, director, actor, e autor teatral, ademais de contador de historias; Paula Carballeira, directora, actriz, autora teatral e narradora oral. Premio Nacional de Literatura Dramática; Cristina Domínguez, docente da Escola Superior de Arte Dramática, directora e autora teatral. 

Nesta 5ª edición o premio recaeu na obra Semente de dramón, baixo a dirección de Sara Rey e Rafa R. Martínez, presentada conxuntamente a concurso polas compañías Ancoraxe Escénicas e Compañía Morraoconto sobre o texto teatral de Manuel María Semente de dramón dos medios de comunicación. O proxecto gañador “revisita a farsa de Manuel María botando man de referentes actuais, tanto estéticos como conceptuais, que afondan no bombardeo informativo ao servizo dunha sociedade na que a masa dilúe as individualidades e o capitalismo acaba sendo esa Pantasma Famenta que nos devora na súa arela globalizadora”. 

A deputada de Cultura celebrou a convocatoria do V Premio a Proxectos Teatrais da Fundación Manuel María, “unha iniciativa innovadora e estreitamente vinculada á figura e ao legado do escritor chairego”. González valorou especialmente o apoio á creación e aos procesos creativos que promove este certame, unha liña de traballo que, segundo lembrou, tamén impulsa a Deputación a través de iniciativas como as Residencias Artísticas Mariñán e outros proxectos de apoio á creación cultural. 

A deputada eloxiou o carácter dinámico e vivo do premio, que permite dar visibilidade e acompañar proxectos teatrais con moito futuro, contribuíndo ao desenvolvemento da creación escénica galega. Así mesmo, reivindicou a figura de Manuel María e a importancia de manter vivo o seu legado, tamén a través de iniciativas culturais que conectan a súa obra coas novas xeracións e co presente da creación artística. 

A resolución do premio foi tomada por unanimidade e o xurado remarcou que “a proposta profundiza no procedemento satírico de Manuel María apoiándose nun elenco e nun equipo artístico ecléctico, que bota man de diferentes ferramentas escénicas (música, cancións, coreografías) para achegar a mensaxe e a estratexia satírica de Manuel María. Así mesmo, salientou que “as dúas compañías asociadas, fascinadas pola actualidade da mensaxe do autor, indagan no “como”, “onde” e “quen” controla o relato nos mass media, servíndose dunha linguaxe artística anovadora e contemporánea”. 

Finalmente o xurado destacou o acerto de que “a proposta escénica estea dominada por un alento lúdico que alivia e compensa a tensión crítica que une a obra de Manuel María, –feita naqueles tempos de incerteza e esperanza–, coa dramaturxia actual, que se esforza en deitar algo de luz no escuro panorama cívico que nos aparece no horizonte”. 

Compartir

Novas destacadas

A Deputación participa na entrega do premio a Ancoraxe e Morraoconto, gañadores do V Certame Manuel María de Proxectos Teatrais 

A Deputación  acompaña a Cineuropa na inauguración da súa 40ª edición, que converte Santiago nun punto de encontro do mellor cinema internacional 

A Deputación recibe a Xacarandaina polo seu subcampionato no mundial de folclore