- A deputada de Cultura, Natividade González, participou onte na gala inaugural do festival, que conta co apoio da área de Cultura da institución provincial.
- Cineuropa celebra catro décadas de traxectoria cunha programación de máis de 150 películas durante 17 días, na que teñen un protagonismo destacado o cinema europeo, as novas voces internacionais e a creación audiovisual galega.
- Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2026. A deputada de Cultura, Natividade González, participou onte na gala de inauguración da 40ª edición de Cineuropa, o Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela, que comezou cunha programación especial para celebrar os seus corenta anos de historia. A gala inaugural contou tamén coa participación da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, da concelleira de Cultura, Míriam Louzao, do director da AGADIC, Jacobo Sutil, e do director do festival, José Luis Losa, ademais de representantes institucionais e das entidades colaboradoras. A Deputación da Coruña, a través da súa área de Cultura, apoiou un ano máis este certame, unha das grandes citas culturais de Galicia e un referente para a difusión do cinema de autor, a diversidade cinematográfica e o descubrimento de novas propostas audiovisuais.
Durante a súa intervención no Teatro Principal, Natividade González destacou que o festival foi moito máis ca unha programación cinematográfica: «Cineuropa nunca foi só cinema. Cineuropa foi, e segue sendo, unha maneira de vivir Compostela». Neste sentido, puxo en valor a capacidade do certame para crear comunidade, favorecer os encontros e converter a experiencia individual de asistir ás proxeccións nunha vivencia colectiva. «Podes entrar soa nunha sala, pero formas parte de algo moito máis grande. E iso é o que fai que un festival permaneza vivo durante corenta anos».
A deputada salientou tamén o papel do cinema como ferramenta para coñecer outras realidades e fomentar o pensamento crítico, especialmente nun contexto no que, segundo sinalou, «tantas veces se pretende simplificar a realidade, levantar muros ou reducir os espazos para o pensamento crítico». «A cultura tamén é liberdade, é diversidade, é pensamento crítico. É a posibilidade de coñecer outras realidades e de cuestionar as nosas propias certezas», afirmou.
Nese sentido, expresou que «apoiar Cineuropa é apoiar un proxecto cultural que leva corenta anos formando públicos, creando comunidade, achegando novas miradas e facendo de Compostela un referente cultural». E aproveitou tamén para reivindicar o modelo de políticas culturais que defende a institución provincial: «A cultura como un dereito, non como un privilexio». E engadiu que «os proxectos culturais necesitan compromiso, continuidade e institucións que entendan que investir en cultura é investir na sociedade».
A 40ª edición de Cineuropa desenvólvese do 6 ao 22 de novembro e ofrece máis de 150 películas ao longo de 17 días de programación. A selección reúne algúns dos títulos máis destacados da tempada cinematográfica internacional, con filmes recoñecidos nos principais festivais do mundo, novos traballos de cineastas de referencia e unha ampla presenza do audiovisual galego. O cinema galego ten tamén un espazo destacado, con estreas en Galicia e propostas que amosan a diversidade e a vitalidade da creación audiovisual propia. Ademais das proxeccións, o festival desenvolve retrospectivas, encontros e actividades paralelas que permitirán celebrar a súa traxectoria e reivindicar o cinema como espazo de reflexión, coñecemento e encontro cultural.




