Xornada XVIII
Arte e saúde. A música
22 de novembro
Pazo de Mariñán, Bergondo, A Coruña
As actividades culturais e artísticas poden promover a saúde, mellorar enfermidades físicas e mentais, aportar beneficios no noso benestar e apoiar tratamentos sanitarios a nivel cognitivo, emocional e físico en todas as etapas da vida.
A Arte, o xogo desde crianza á vida adulta que nos fai explorar e experimentar para nos coñecer mellor, posúe tantas definicións como utilidades: delirio, catarse, fuxida da realidade, transcendencia, necesidade intrínseca, poder transformador promotor da cohesión social, que vai de dentro a fóra, que para determinados saberes ven da supraconsciencia, fórmula e estímulo primixenio de comunicación e relacionamento persoal... É pois, e así o conclúe a OMS con máis de 900 publicacións científicas en todo o mundo, que a arte ten un potencial de esfera sanadora nas nosas vidas.
Esta Xornada de A Cultura é un Dereito adicada á Arte e Saúde está enfocada á Música como vital manifestación expresiva e expansiva para infinitos acontecementos humanos, independentemente da xeografía e cultura. É a música unha poderosa ferramenta social tendo en conta os efectos positivos no noso cerebro ata ser a arte representativa do patrimonio intanxíbel da historia xeracional da humanidade.
As asociacións, A Memoria é Náufraga e a Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento xunto coa Área de Cultura da Deputación de A Coruña impulsamos esta primeira Xornada de Arte e Saúde co fin de estender á poboación os proveitos do vínculo artístico, para a integración de valores e boas prácticas nunhas programacións culturais máis horizontais, participativas e máis acordes coa "divercapacidade" (Cecilia Crespo) de todos os públicos, para que conteñan parámetros que nos enriquezan na saúde física e mental. Polo tanto, vai dirixido tanto a profesionais da educación como estudantes, artistas, persoas do mundo da comunicación e da xestión cultural, ben sexa dende a técnica ou dende a mediación, do ámbito da institución pública ou organismos privados, e mesmo ás empresas conscientes deste potencial das artes.
Xa é un feito que a interrelación directa das prácticas artísticas, mediante observación e/ou execución das mesmas produce mellora na percepción física e psíquica das persoas. Así pois, entendemos que entroncar a boa saúde, coa consciencia da diferencia de aprendizaxes, o goce e a celebración comunal, rememora a Declaración de Hangzhou (UNESCO 2013): situar a cultura no centro das políticas de desenvolvemento sostíbel "os dereitos culturais, o acceso aos bens e servizos culturais, a libre participación da vida cultural e liberdade de expresión artísticas son fundamentais para forxar sociedades equitativas e inclusivas".
Ugia Pedreira
Comisaria da Xornada
Programa
10:00 h. Benvinda e acreditación dos participantes.
10:15 - 11:45 h. Música e cerebro: bases cerebrais do procesamento musical. O potencial da música na neurorehabilitación. Antoni Rodríguez Fornells. Profesor de Investigación ICREA no Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge (IDIBELL) e na Universidade de Barcelona (UB).
11:45 – 12:15 h. PAUSA - CAFÉ
12:15 – 14:00 h. Experiencias de vida:
- Basal. Composición e diversidade funcional desde o corpo-casa. Ugia Pedreira. Coordinadora da mesa. Psicóloga, cantautora, escritora e activista cultural.
- O meu mestre, o lado esquerdo. Robert Pier. Guitarrista e compositor.
- Un camiño cara a superación da esclerose múltiple. Mihaela Duma, pianista, e Cristian Terán, narrador.
14:00 – 16:00 h. XANTAR
16:00 – 17:30 h Proxecto de investigación: Sensoxenoma. Antonio Salas. Catedrático da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Laura Navarro. Doutora en Educación Musical e pianista.
17:30 – 18:00 h. PAUSA – CAFÉ
18:00 – 20:00 h Obradoiro de improvisación libre (Participación aberta) con Chefa Alonso. Doutora en Performing Arts pola Brunel University (Londres), Licenciada en Medicina pola USC, Saxofonista, Compositora, Improvisadora e Docente.
20:00 h. PECHE
A asistencia é gratuita e o aforo limitado.
Haberá un servizo de interpretación de lingua de signos.
A inscrición á xornada debe realizarse dende o día 1 de novembro ás 10.00 ata o 20 de novembro ás 16.00.