Saltar al contenido
>

O reto da sustentabilidade nos festivais, a debate na Xornada ‘A Cultura é un Dereito’ da Deputación

O reto da sustentabilidade nos festivais, a debate na Xornada ‘A Cultura é un Dereito’ da Deputación

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, e a comisaria María Baqueiro, abriron esta mañá a Xornada ‘Impacto positivo: unha alianza festivais – administración’ que tivo lugar na Deputación e que contou coa asistencia de representantes de diversos festivais da provincia. Trátase da xornada que abre este ano o ciclo ‘A Cultura é un Dereito’, o programa da área provincial de Cultura dedicado especificamente á reflexión e ao debate sobre diferentes aspectos da cultura e das políticas culturais do país.

«A idea desta xornada é que todas as medidas que contribúen a mellorar a sustentabilidade se incorporen nos festivais nos vindeiros anos» asegurou Xurxo Couto durante a súa intervención. Coa Axenda 2030 como marco de traballo, o foco dos relatorios profesionais centrouse no obxectivo 17, que versa precisamente sobre alianzas para acadar a sustentabilidade. Neste sentido, Xurxo Couto lembrou que a Deputación da Coruña incorporou nas súas liñas de subvencións a festivais, FO221 e FO223, certos criterios de sustentabilidade para a concesión das mesmas, adquirindo o compromiso de acompañar a todas as entidades e concellos solicitantes na consecución e cumprimento de novos obxectivos. Son preto de sesenta festivais os que se beneficiaron destas dúas liñas de cofinanciamento nas últimas edicións.

Pola súa banda, María Baqueiro explicou o traballo xa iniciado a través do Pacto Cultura Sustentable subscrito o pasado ano por parte de 27 festivais do país e que «continúa dando pasos adiante a través de administracións como a Deputación da Coruña que establece marcos de traballo como o que hoxe nos reúne aquí para ir avanzando cara a formatos e métodos máis acordes coa sustentabilidade». A comisaria da xornada explicou que a transversalidade da Cultura unido ao gran número de aspectos que afectan á sustentabilidade –consumos enerxéticos, de auga, residuos, patrimonio, accesibilidade, diversidade funcional, igualdade- implican unha serie de retos que fan necesario conectar diferentes perfís profesionais. En xeral, a xornada abordou propostas en positivo sobre experiencias profesionais que están a mudar as formas de traballar, hábitos e comportamentos, desde diferentes ámbitos relacionados coa organización de eventos.

A xornada «Impacto positivo: unha alianza festivais-administración» contou con intervencións de Jone Pérez, enxeñeira química, asesora de empresas en xestión sustentable e colaboradora da organización internacional A Greener Festival; Pablo Galindo, doutor en Socioloxía pola Universidade de Granada na
que é profesor titular, director da Fundación Music for All e autor, xunto con Diego Ferrón, da Guía de accesibilidade e inclusión en festivais de música en España; Nuria Díaz, ambientóloga, con ampla experiencia no ámbito da xestión
ambiental municipal e socia fundadora de EcoEvent, e Nuria Balboa, arquitecta, especialista na xestión técnica de eventos e colaboradora dalgúns dos festivais máis recoñecidos do país.

A xornada tamén incluíu un obradoiro dirixido pola comisaria María Baqueiro e por Giada Calvano, cofundadora de Chloe Sustainability, consultoría que acompaña a organizacións culturais e creativas no seu camiño cara a sustentabilidade, e investigadora e docente do Programa de Xestión Cultural da Universidade de Barcelona. Tamén se presentou a Guía sobre festivais e sustentabilidade, editada pola Deputación como un manual de utilidade para axentes responsables de eventos e co obxectivo específico de mellorar as alianzas coa administración como cofinanciadora dos festivais.

Compartir

Novas destacadas

El Teatro Colón acogerá desde el miércoles la tercera edición del ciclo ‘Músicas Posíbeis’ de la Diputación

A Biblioteca Provincial acolleu esta tarde a presentación do libro “Quen conduce o estado” sobre o estatuto do 36 

A Deputación e a USC asinan un convenio de colaboración para investigar a historia das políticas culturais en Galicia