Saltar al contenido
>

A Biblioteca Provincial acolleu esta tarde a presentación do libro “Quen conduce o estado” sobre o estatuto do 36 

A Biblioteca Provincial acolleu esta tarde a presentación do libro “Quen conduce o estado” sobre o estatuto do 36 

  • O ensaio, da autora Iria – Friné Rivera Vázquez, aborda a imaxe gráfica da campaña a favor do Estatuto, da que se cumpren 90 anos.  
  • A deputada de Cultura, Natividade González, destacou a vixencia das aprendizaxes que deixa aquel proceso histórico e a importancia de recuperar o patrimonio gráfico e cultural de Galicia. 
  • A Coruña,28 de outubro de 2026. – A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña acolleu esta tarde a presentación de Quen conduce o Estado, un ensaio de Iria-Friné Rivera Vázquez que afonda na dimensión artística e comunicativa da campaña a favor do Estatuto de Galicia de 1936. A publicación recupera os carteis, as ilustracións e os símbolos empregados naquel proceso, así como o papel das e dos artistas que contribuíron a difundir o proxecto estatutario. A obra permite coñecer a modernidade da creación gráfica galega dos anos trinta e a súa importancia na construción dunha identidade colectiva. 

A deputada de Cultura destacou durante a presentación a relevancia de recuperar este episodio da historia galega coincidindo co seu 90 aniversario. «O Estatuto de 1936 foi moito máis ca un fito político: representou a vontade de Galicia de decidir o seu futuro. Este libro amósanos tamén como a cultura e a arte poden contribuír a construír e comunicar un proxecto colectivo de país», sinalou. González subliñou, ademais, o compromiso da Deputación coa investigación e a divulgación do patrimonio cultural galego, para achegar á cidadanía episodios fundamentais da súa historia. 

O libro analiza a arquitectura da campaña do plebiscito, os seus antecedentes históricos, as correntes estéticas e de pensamento da época e o papel das persoas que contribuíron a difundir e manter viva a memoria do Estatuto. A obra presta especial atención á forza da comunicación visual e ao uso da arte como ferramenta para trasladar á sociedade un proxecto colectivo de autogoberno. 

Entre os creadores vinculados a este contexto figuran nomes fundamentais da cultura galega como Camilo Díaz Valiño, Isaac Díaz Pardo, Castelao, Carlos Maside, Luís Seoane, Bernardino Vidarte e López Bouza, cuxo traballo contribuíu a construír unha imaxe visual recoñecible para o movemento a favor do Estatuto. 

A publicación enmárcase nas iniciativas impulsadas pola Área de Cultura da Deputación para conmemorar o 90 aniversario do Estatuto de 1936, que comezaron coa elaboración e difusión de pezas audiovisuais que achegan distintas perspectivas sobre a elaboración e aprobación da Carta, o seu contexto histórico e a súa importancia para a construción da identidade política e cultural galega.  

Compartir

Novas destacadas

A Biblioteca Provincial acolleu esta tarde a presentación do libro “Quen conduce o estado” sobre o estatuto do 36 

A Deputación e a USC asinan un convenio de colaboración para investigar a historia das políticas culturais en Galicia 

Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois «Carrabouxo»,  gañan o premio Otero Pedrayo 2026 polo seu impulso á cultura galega a través do humor gráfico