Saltar al contenido
>

A Deputación e a USC asinan un convenio de colaboración para investigar a historia das políticas culturais en Galicia 

A Deputación e a USC asinan un convenio de colaboración para investigar a historia das políticas culturais en Galicia 

  • A institución provincial achega 32.000 euros para cofinanciar o estudo que analizará a evolución do sector cultural galego entre 1978 e 2024. 
  • A Coruña, 28 de outubro de 2025. A Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela asinaron recentemente un convenio de colaboración polo cal o organismo provincial achega 32.000 euros para a realización do proxecto de investigación «Aproximación á historia das políticas culturais de Galicia (1978-2024)». A sinatura formalizouse coa participación da deputada de Cultura, Natividade González e a reitora da USC, Rosa María Crujeiras Casais, confirmando o compromiso institucional co financiamento desta iniciativa que conta cun orzamento total de 40.000 euros. 

A deputada salientou a “importancia” de coñecer e analizar a evolución das políticas culturais para comprender a realidade actual do sector e afrontar os seus retos de futuro e o o «traballo rigoroso e o compromiso da Universidade de Santiago de Compostela coa investigación e co coñecemento da realidade cultural galega». Neste sentido, salientou que «contar coa experiencia e coa capacidade investigadora da USC é unha garantía para abordar un estudo destas características, que nos permitirá coñecer mellor a evolución das políticas culturais en Galicia». González subliñou tamén que «a colaboración coa USC nos permite sumar esforzos e poñer o coñecemento académico ao servizo da cultura galega, contribuíndo a comprender o camiño percorrido e a orientar as políticas culturais do futuro». 

O proxecto ten como obxectivo principal recompilar, analizar e sintetizar as transformacións, marcos lexislativos, orzamentos e liñas de actuación que definiron o panorama cultural galego ao longo das últimas catro décadas. Para acadar estes resultados, o traballo estrutúrase en tres fases fundamentais que abranguen dende a revisión documental e a compilación de estatísticas ata un traballo de campo directo con axentes do sector mediante entrevistas en profundidade, grupos focais ou cuestionarios cualitativos. 

A investigación culminará cunha análise detallada cuxos resultados se plasmarán nun documento informativo, acompañado de recursos visuais como infografías e gráficos, para facilitar a divulgación e comprensión dos fitos máis relevantes da política cultural galega. Todas as actividades investigadoras executaranse ao longo do ano 2026 no marco desta alianza entre ambas as institucións públicas. 

Compartir

Novas destacadas

A Deputación e a USC asinan un convenio de colaboración para investigar a historia das políticas culturais en Galicia 

Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois «Carrabouxo»,  gañan o premio Otero Pedrayo 2026 polo seu impulso á cultura galega a través do humor gráfico 

Raposa, banda gañadora da gala final do Premio Narf