Saltar al contenido
>

Margarita Ledo e Xabier Fortes inauguran a nova tempada de Referentes

Margarita Ledo e Xabier Fortes inauguran a nova tempada de Referentes

Volve o proxecto audiovisual dixital ‘Referentes’, e faino da man de dúas recoñecidas personalidades do xornalismo e da comunicación: Margarita Ledo e Xabier Fortes. A conversa entre ambos, conducida pola xornalista Marga Pazos, suporá a estrea de Referentes T2. Poderá verse a través do perfil de Facebook e da canle de Youtube da área de Cultura da Deputación o venres 29 de abril a partires das 12h.

Referentes T2 contempla seis novos episodios, que sairán á luz o último venres dos meses de abril, maio, xuño, setembro, outubro e novembro. «Volvemos convocar personalidades moi coñecidas e recoñecidas da nosa cultura para ofrecer contidos desde puntos de vista analíticos e reflexivos, e tamén desde perspectivas profesionais moi diversas» asegura o responsable da área de Cultura da Deputación, Xurxo Couto. O deputado lembra que este ciclo de conversas, que nacera o ano pasado ao abeiro do contexto de restricións por mor da pandemia, ten continuidade por «terse revelado como un formato exitoso e con demanda na rede, posto que non hai moitos espazos similares que ofrezan este tipo de contidos, nos que se pon de manifesto a capacidade transformadora da cultura».

O primeiro episodio terá como protagonistas a dúas recoñecidas personalidades galegas no mundo do xornalismo e da comunicación, como son Margarita Ledo e Xabier Fortes. Abordarán cuestións como o que está a suceder en Ucraína, como se está xestionando a información de guerra, como se xestiona o ascenso da ultradereita; así como as súas vocacións, as súas infancias e como chegaron a ser as persoas e profesionais que son a día de hoxe.

Margarita Ledo é xornalista, investigadora, cineasta e escritora en lingua galega. Foi a primeira decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, onde é Catedrática de Comunicación Audiovisual. Tamén é numeraria da Real Academia Galega e ten sido galardoada e recoñecida con importantes premios culturais, entre os que destacan o Premio Nacional da Cultura Galega e o Premio Otero Pedrayo. O seu último filme ‘Nación’ aborda a loita das mulleres traballadoras da fábrica de porcelana ‘Pontesa’.

Xabier Fortes é xornalista e coñecido presentador de programas informativos de televisión. Na actualidade presenta ‘La noche en 24 horas’ de TVE, tras unha longa carreira en diferentes franxas horarias. É unha referencia no ámbito da comunicación e do xornalismo polo seu compromiso e ética profesional. Como documentalista ten dirixido unha ducia de documentais de carácter deportivo, social e histórico. O último leva por título ‘Galicia no espello do tempo’ e aborda as catro últimas décadas da historia de Galiza.

Convén lembrar que a primeira tempada de Referentes fora inaugurada, em marzo de 2021, cunha conversa entre a música de sona mundial Mercedes Peón e a chef compostelá «estrela Michelín» Lucía Freitas, á que lle seguiron a escritora Berta Dávila en conversa co cineasta Alfonso Zarauza, a cantante Fátima Pego co escritor Manuel Rivas, a actriz Melania Cruz coa zoqueira Elena Ferro, e a cantante de Mounqup, Camille Hedouin con Xosé Manuel Piñeiro ‘Superpiñeiro’.

Compartir

Novas destacadas

El estudio de diseño de Milladoiro Centilitrosmetrocadrado, ganador de la segunda edición del premio «Luis Seoane» de diseño de la Diputación

La Diputación apoya una nueva edición de CoruñArt para impulsar las industrias culturales y creativas

La Diputación celebra el III Culturgal Expandido, convirtiendo Muros «en el epicentro cultural de la comarca»