Saltar al contenido
>

Cultura de Deputación celebra o 26 de xuño no Teatro Colón a súa Festa da música con tres concertos

Cultura de Deputación celebra o 26 de xuño no Teatro Colón a súa Festa da música con tres concertos

Jazz, cantos de arrolar e música clásica encherán de son o Teatro Colón o 26 de xuño, data na que o departamento de Cultura da Deputación da Coruña programou a súa Festa da música. Serán tres concertos, en tres horarios distintos e para todo tipo de públicos.

Comezará o festival, ás 11.30 horas, con «Tecendo sonos», un espectáculo dirixido especialmente a nenas e nenos de 4 a 9 anos, no que o público terá moito protagonismo. Esperanza Mara (narración) e Alfredo Susavila (piano) achegaranlle á cativada unha parte do noso patrimonio inmaterial de tradición oral: os cantos de arrolar. O repertorio, tirado dun proxecto baseado nun traballo de campo realizado na zona do Barbanza e arredores, compóñeno «E run, rún» e «Dúrmete, meu neno», de Rodrigo Romaní; «María, miña María», de Lucas Rei; «O meniño quer durmir», de Abe Rábade; e «Ai, que mininiño», de Alfredo Susavila.

Para as 13 horas está programado o concerto de Pablo Sax Trío (Pablo «Sax» Sinde, saxos; Pablo Sanmamed, contrabaixo; e Sergio González, batería). O jazz desta formación apunta á posibilidade de crear sobre pezas orixinais compostas en base ás experiencias do saxofonista ao longo de máis de trinta anos de traxectoria. A improvisación como reto para contar unha historia que trata de manter a frescura en cada nova interpretación, adaptada ás circunstancias e o posible azar; un discurso musical que está presenta na gravación publicada polo trío, «Amorgana».

Cun recital titulado «De Granada a Samarcanda: o exotismo en Europa», presentarase no escenario, ás 19 horas, a pianista Paula Ríos, profesora de Piano no Conservatorio CIEM Federico Moreno Torroba (Madrid), solista recoñecida en España, Reino Unido, Francia, Suíza, Alemaña e Arxentina, e intérprete en gravacións para RNE, TVE, Radio Suisse Romande, TVG, IB3 e RG.
O seu concerto ten como nexo o interese dos compositores europeos clásicos por buscar e rodearse da sensualidade e autenticidade de Oriente e da pureza idealizada do folclore do sur e o este de Europa. Ríos interpretará un repertorio formado polas pezas «De Masques: Shéhérazade», de Karol Szymanowski; tres danzas de «O sombreiro de tres picos», de Manuel de Falla; «Mephisto Vals Nº 1. Danza na taberna do pobo», de Franz Liszt; «Na néboa», de Leoš Janáček; «Préludes», de Claude Debussy; e «Iberia: Triana», de Isaac Albéniz.

As entradas para os tres concertos son de balde e xa se poden retirar na páxina web do Teatro Colón.

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’