Saltar al contenido
>

Aberto o prazo para presentar traballos e candidaturas aos premios Narf, Ksado, Begoña Caamaño e Antonio Fraguas

Aberto o prazo para presentar traballos e candidaturas aos premios Narf, Ksado, Begoña Caamaño e Antonio Fraguas

A Deputación da Coruña vén de facer pública no Boletín Oficial da Provincia a aprobación definitiva das bases e a apertura do prazo de presentación de traballos e candidaturas a catro dos seus premios culturais. Trátase do VI Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, o XIV Certame Antonio Fraguas Fraguas de artesanía, o XVI Premio Luis Ksado de creación fotográfica e o XIV Concurso Fran Pérez «Narf» para grupos e artistas musicais. Entre os catro certames a institución provincial repartirá 40.000 euros para as gañadoras e gañadores.

O VI Premio Begoña Caamaño está destinado a recoñecer traxectorias de persoas, colectivos ou entidades e propostas artísticas comprometidas coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura. Establécense dous galardóns, dotados con 6.500 € cada un deles; un para recoñecer a traxectoria de persoas, colectivos ou entidades, e outro para premiar iniciativas ou proxectos culturais. O prazo de presentación de solicitudes rematará ás 14 horas do vindeiro 5 de maio.

No XIV Certame Antonio Fraguas poderán participar todas as persoas que traballen no campo da artesanía galega tradicional ou contemporánea, tanto a título particular como en agrupacións de varios autores, colectivos e asociacións, e que non fosen premiados neste certame nos catro anos anteriores. Para cada unha das dúas modalidades, a tradicional e a contemporánea, establécese un premio de 6.500 euros. O xurado poderá propoñer a adquisición das obras premiadas, sempre que a valoración de cada unha delas non sexa superior a 8.000 €. O prazo de presentación de traballos rematará ás 14 horas do vindeiro 20 de maio.

O XVI Luís Ksado concederá un único premio, ao gañador ou gañadora, por un total de 6.500 euros. O xurado poderá realizar unha selección entre as obras non premiadas para a súa inclusión nunha exposición itinerante por municipios da provincia. Con motivo desta exposición editarase o correspondente catálogo e as persoas que resulten seleccionadas recibirán, cada unha delas, unha cantidade única de 300 €, en concepto de cesión temporal das coleccións. O prazo de presentación de traballos rematará ás 14 horas do vindeiro 20 de maio.

O ‘Narf’ chega á súa XIV edición e está dirixido a grupos ou artistas musicais en galego do ámbito da música pop e variantes, como o folk, o rock, rap ou reaggae, e que non fosen premiados nos cinco anos naturais anteriores do concurso. Este certame, que homenaxea a figura e obra do músico e compositor Fran Pérez ‘Narf’, establece un primeiro premio dotado con 4.000 euros, un segundo con 2.000 euros e un terceiro con 1.500 euros. O prazo de presentación de solicitudes rematará ás 14 horas do vindeiro 31 de maio.

Compartir

Novas destacadas

El Teatro Colón acogerá desde el miércoles la tercera edición del ciclo ‘Músicas Posíbeis’ de la Diputación

A Biblioteca Provincial acolleu esta tarde a presentación do libro “Quen conduce o estado” sobre o estatuto do 36 

A Deputación e a USC asinan un convenio de colaboración para investigar a historia das políticas culturais en Galicia