O Pazo de Mariñán é o escenario de celebración da «XVI Xornada Innovación Cultural e Territorio», que forma parte do programa ‘A Cultura é un Dereito’, da Deputación da Coruña. Organizada en colaboración co comisario Fran Quiroga, pon o foco no impacto social e ambiental da cultura. A deputada de Cultura, Natividad de Jesús González, foi a encargada de inaugurar a xornada, acompañada de Fran Quiroga, que continúa durante todo o día con diferentes intervencións.
A sesión, na que participan profesionais de diferentes ámbitos do sector, divídese en dous grandes bloques: un composto por mesas nas que compartir experiencias, e outro cun grupo de traballo. Así, pola mañá, celébranse catro mesas cun enfoque práctico: «Medioambiente e cultura»; «Participación e comunidade»; «Do barrio e da aldea», e «Redes como resposta». E, pola tarde, crearase un espazo participativo sobre «Dereitos culturais como resposta aos retos actuais».
O obxectivo é intensificar proxectos culturais onde a sociedade e o medioambiente estean no centro. «Debemos entender a cultura dende unha dimensión moito máis ampla, que ten que ver co conxunto de relacións sociais e de prácticas humanas coas que definimos a nosa maneira de convivir e de estar no mundo» sinala a deputada de cultura.
Durante a súa intervención, Natividad de Jesús González, puxo en valor o potencial da Cultura como unha ferramenta «que contribúe á cohesión social e ó sentimento de identidade e de pertenza, ó desenvolvemento das capacidades propias das persoas e das comunidades e ó medre da autoestima persoal e colectiva a través do coñecemento da nosa historia e da nosa memoria», apuntou.
As diferentes mesas e participantes tratan, pois, de buscar novas miradas na relación da cultura co medio, para así «ofrecer un sentido de vida diferente, axudar a tecer de novo vínculo social entre as persoas, volver a crear sentido de comunidade, axudar a descubrir e a poder desenvolver aquilo que levamos dentro e nos fai máis felices» destacaba Natividad de Jesús González.



