Saltar al contenido
>

A Deputación apoia os programas da USC para captar e potenciar o talento da mocidade

A Deputación apoia os programas da USC para captar e potenciar o talento da mocidade

A Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) renovan a súa aposta conxunta pola difusión e fomento da educación, a investigación e a transferencia do coñecemento. O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o reitor da USC, Antonio López Díaz, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, asinaron esta mañá na sede provincial o acordo co que a Deputación achega 108.000 euros para financiar o 80% do programa de actividades de promoción cultural, artística e científica da Universidade, que conta cun custo total de 135.000 euros.

Ambas institucións renovan un ano máis a súa alianza para levar a cabo diversos programas e actividades cos que se busca «impulsar a investigación e a transferencia de coñecemento, así como axudar a descubrir e potenciar o talento da nosa xente moza ofrecéndolles oportunidades de desenvolvemento, xa desde a ESO ou o Bacharelato», afirmou Formoso, que destacou tamén a calidade da programación cultural da USC e a súa «clara aposta pola difusión do coñecemento, clave para seguir progresando como sociedade», apuntou.

Ademais de dar pulo ao desenvolvemento cultural e científico, esta sinatura simboliza «un compromiso de continuidade dunha alianza estratéxica e reforza a idea de que xuntos chegamos máis lonxe», sinalou o reitor Antonio López. Esta colaboración entronca, ademais, coa misión universitaria de facer transcender o coñecemento en calquera das súas manifestacións, tanto do traballo investigador como da produción e difusión da cultura como elemento transversal dunha sociedade.

Detectar e estimular o talento do alumnado

A Deputación cofinancia iniciativas que contribúen a detectar e capacitar talento novo, como o proxecto ESTALMAT-Galicia, que ten como obxectivo estimular as capacidades matemáticas en alumnos de 12 e 13 anos. Esta acción comezou a súa andaina en Galicia no ano 2007 e a súa máxima prioridade é promover vocación no campo das ciencias, co fin de asegurar que os talentos matemáticos e científicos detectados non se perdan, contribuíndo ao desenvolvemento científico de Galicia.

Dentro desta aposta, tamén se financia a iniciativa A Ponte entre a USC e o Ensino Medio, coa que se quere captar os mellores expedientes procedentes do bacharelato e de ciclos formativos. Así mesmo, levaranse a cabo programas de achegamento a USC e de formación de titores para orientar a mocidade de cara ao seu futuro formativo no eido universitario e axudar a espertar vocacións entre a mocidade.

Programación cultural

No relativo á programación cultural, a Deputación dá apoio a actividades coma os encontros orquestrais de primavera, verán e Nadal da orquestra da USC, a formación de actores e actrices da Aula de Teatro, exposicións coma «A Minerva Comopostelá II», «O arquivo histórico da USC. Crónica dunha custodia», «Isabel Rey. A Universidade pintada» ou mostras artísticas de Soledad Penalta ou Xosé Luís Otero.

Tamén teñen cabida dentro dos proxectos subvencionados os congresos e seminarios científicos encamiñados ao intercambio de coñecemento, con temáticas diversas abordadas por especialistas que van desde a historia da Galicia medieval á astronomía, as ciencias da saúde ou a criminoloxía.

A Deputación colabora tamén este ano na edición do libro que conmemora os 100 anos de creación da Facultade de Ciencias da USC e dos estudos de Química, que foi o primeiro título que se impartiu na facultade de maneira ininterrompida desde 1922 ata hoxe.

Compartir

Novas destacadas

El Teatro Colón acogerá desde el miércoles la tercera edición del ciclo ‘Músicas Posíbeis’ de la Diputación

A Biblioteca Provincial acolleu esta tarde a presentación do libro “Quen conduce o estado” sobre o estatuto do 36 

A Deputación e a USC asinan un convenio de colaboración para investigar a historia das políticas culturais en Galicia