Saltar al contenido
>

Cultura da Deputación organiza no Teatro Colón o ciclo ‘A palabra transmedia’

Cultura da Deputación organiza no Teatro Colón o ciclo ‘A palabra transmedia’

A área de Cultura da Deputación da Coruña programa, no remate do mes de outubro, o ciclo ‘A palabra transmedia’. O Teatro Colón acollerá, os días 28, 29 e 30, ás 20 horas, tres interesantes propostas que fusionan a palabra coa música e as artes escénicas, protagonizadas por ArtesaCía, Maruja Roca Foundation e Maleducadas.

A primeira en subirse ao escenario, o venres 28, será a compañía ArtesaCía, co espectáculo «Illas desertas», unha «travesía» ancorada nas narrativas transmedia e na poesía audiovisual. Antes de acceder ao espazo da representación, convídase ao «público-tripulación» a instalar no seu teléfono móbil unha aplicación que lle permitirá estar en interacción continua cos intérpretes, a través de mensaxes escritas e audiovisuais, e converterse nun personaxe máis da peza.

Laura Villaverde (escena e produción), Roi Fernández (escena e cinema en directo), Héctor Pazos (escena, música e iluminación) e Susana Méndez escena e técnica multimedia) forman un equipo co que colaboraron Esther Quintas (vestiario e escenografía) e La Fura Dels Bauls (tecnoloxía). O texto está firmado por Sebastián Álvaro e ArtesaCía.

O sábado 29, Nieves Neira (poeta e autora dos textos), Eutropio Rodríguez (editor de fotografía), Helena Sousa Estévez (acordeón), María José Pámpano (violín), Iago Mourinho (piano) e Pablo Sanmamed (contrabaixo e dirección) embarcan no Maruja Roca Foundation, un espectáculo literario, musical e visual baseado na obra da fotógrafa Maruja Roca, recentemente rescatada no libro «O feitizo de Maruja Roca» (aCentral Folque 2020).

«Na montaxe», explican os seus creadores, «Eutropio aborda a Maruja desde un feixe de preguntas que quedaron abertas no proceso de investigación e trata de plasmar os diálogos da íntima relación xurdida mentres se estaba a elaborar o libro». «Nieves», engaden, «habita o escenario poñéndolle palabra e movemento as fotografías de Maruja, mentres que música composta por Pablo Sanmamed lévanos coma quen viaxa nun álbum fotográfico familiar onde o mundo emocional entra sen chamar con cada retrato».

Remata o ciclo do domingo 30 co espectáculo que ofrecerá Maleducadas, unha proposta que afonda no significado das palabras para engarzalas á música e ao movemento nunha proposta onde a plástica escénica é unha compañeira máis. A improvisación libre e a composición conforman un todo entre as diferentes artes, nun acto de comunicación dirixido a todas as capacidades, idades, territorios e culturas.

Xúntanse en Maleducadas, por primeira vez, tres artistas galegos de mundos moi diversos: Marina Oural (idea orixinal, voz, guión e selección de textos), Chefa Alonso (saxo soprano, percusión, composición e improvisación musical) e Nacho Muñoz (piano, electrónica, composición e improvisación musical). «Queremos», afirman, «dar luz á flor da amizade profunda e a labor no palco ao servizo da creación compartida: na composición escénica con textos, voz, piano, saxo, percusión, poema composto e improvisado, conversa, emocións, corpo, mazás, moa de afiar ou unto».

As entradas, de balde, xa se poden retirar na páxina web do Teatro Colón.

Compartir

Novas destacadas

El Teatro Colón acogerá desde el miércoles la tercera edición del ciclo ‘Músicas Posíbeis’ de la Diputación

A Biblioteca Provincial acolleu esta tarde a presentación do libro “Quen conduce o estado” sobre o estatuto do 36 

A Deputación e a USC asinan un convenio de colaboración para investigar a historia das políticas culturais en Galicia