Saltar al contenido
>

Presentación de ‘A Falsa Autónoma’, de Yolanda Castaño, obra gañadora do González Garcés de Poesía en 2022

Presentación de ‘A Falsa Autónoma’, de Yolanda Castaño, obra gañadora do González Garcés de Poesía en 2022

A coruñesa libraría Berbiriana acolleu esta mañá a presentación de ‘A falsa autónoma’, a última obra de Yolanda Castaño, que gañou o premio González Garcés de poesía da Deputación no 2022. A deputada de cultura, Natividade González, a propia Yolanda Castaño e o escritor Ismael Ramos participaron no encontro que reuniu a múltiples asistentes interesados no poemario.

A deputada puxo en valor o compromiso da área de cultura co talento e o apoio aos creadores e creadoras, destacando o despunte do ámbito literario actual. «Temos moitas mulleres referentes na poesía e, dende que Yolanda Castaño gañou o premio da Deputación, tivemos un aluvión de orixinais na seguinte convocatoria do Garcés», sinalou. Ademais, Natividade González destacou o «investimento» da entidade provincial na cultura «nestes tempos nos que o debate sobre os fondos públicos se sitúa en escenarios bélicos, é máis importante ca nunca defender a aposta pola cultura como un dereito, como medio para a transformación social e a consecución dunha sociedade máis xusta».

Pola súa banda, o poeta e membro do xurado do González Garcés que premiou a obra de Yolanda Castaño, Ismael Ramos, referiuse a ‘A falsa autónoma’ como «unha celebración dps 30 anos da traxectoria poética de Castaño». Un libro, que «por motivos moi diversos, reivindica a Yolanda como figura clave. O lugar de Yolanda é moi difícil de disputar porque se por algo se caracterizou sempre é por facer visible o invisible. Ese é o seu gran talento e sígueo facendo sempre con esforzo e cun sorriso entre alegre e sarcástico.»

Yolanda Castaño destacou a «honestidade» deste poemario. «Nestas tres décadas, o formal foise simplificando pero o conceptual foi gañando complexidade na miña poesía. O que tiña moi claro con «A falsa autónoma» era que quería falar destes temas tan políticos e sociais, que quería falar de diñeiro pero non dun xeito realista e si dun xeito simbólico e trascendente».
Ademais da honestidade, «o corpo é o que permanece en todos estes anos na miña poética. O que máis me interesa é a consciencia profunda de que escribimos desde un corpo e a exposición dese corpo. Agora pregúntome se ese corpo ten todas as necesidades cubertas e se iso afecta á escrita. Falar do corpo e falar do tempo da nosa vida é falar do mesmo. O tempo é unha mina finita e é unha das grandes traxedias actuais. Iso está en «A falsa autónoma» cunha conciencia de clase profunda», sinalou.

A poeta rematou a súa presentación agradecendo, ademais, o traballo do xurado do González Garcés 2022, que estivo formado polas poetas Pilar Pallarés, Alba Cid, Susana Sánchez Aríns, Ismael Ramos e Daniel Asorey, este último gañador da anterior edición do premio xunto a Lupe Gómez.

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’