A produtora creativa galega Illa Bufarda, na modalidade de traxectoria, e a cooperativa xuvenil Mala herba Producións, na modalidade de iniciativa, son as dúas propostas gañadoras do IX Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, convocado pola Deputación da Coruña.
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado, no que foron vogais Alexandre Garrido López, Beatriz Maceda, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Antares Pérez García-Zabarte e Alberte Mera. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa do servizo provincial de Acción Social, Cultural e Deportes.
As dúas candidaturas, das seis que concorreron ao certame, foron premiadas por unanimidade. De Illa Bufarda, o xurado valorou «a súa produción audiovisual, que mestura o ensaio coa fotografía dende unha permanente e poliédrica ollada feminista». O comité avaliador tamén destacou «o seu compromiso coa lingua e o rescate da memoria das mulleres galegas, das traballadoras e das creadoras, cuestións que se reflicten ao longo da súa obra».
Para premiar a Mala Herba Producións, o xurado tivo especialmente en conta «que a cuestión da igualdade de xénero e LGTBI sexa a base do seu traballo de xeito transversal e central, ademais da defensa dos dereitos sociais, a súa labor de formación e visibilización do talento feminino no sector audiovisual e a utilización da cultura como ferramenta de transformación social».
O Begoña Caamaño non é o primeiro premio, dos convocados pola Deputación coruñesa, que reciben a produtora creativa e a cooperativa xuvenil, galardoadas tamén nos Luísa Villata a proxectos pola igualdade: Illa Bufarda, por «S.E.X. Moito máis que unha serie sobre sexualidade» (2018) e por «Altas luces» (2024); e Mala Herba Producións, por «A clase» (2024).



