Saltar al contenido
>

Encarna Otero Cepeda e a asociación Andar cos tempos gañan o VIII Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero

Encarna Otero Cepeda e a asociación Andar cos tempos gañan o VIII Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero

A escritora e activista compostelá Encarna Otero Cepeda, na modalidade ‘Traxectoria’, e a asociación Andar Cos tempos, na modalidade ‘Iniciativa’, son as dúas propostas gañadoras do VIII Premio «Begoña Caamaño» á acción cultural pola igualdade de xénero. Este certame, que convoca a área de Cultura da Deputación da Coruña, busca cada ano recoñecer e poñer en valor traxectorias de colectivos e persoas comprometidas coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura, tanto no ámbito territorial da provincia como no conxunto do país.

O xurado desta oitava edición estivo presidido pola deputada de cultura, Natividade González, e composto por Lucía Canoura Sánchez, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, pola xornalista María Obelleiro Hermida, o artista Sergio Díaz Marey, a escritora Eva María Mejuto Rial e a investigadora Daniela Ferrández Pérez. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.

O xurado decidiu premiar a Encarna pola súa traxectoria vital, «xa que foi pioneira en introducir a perspectiva de xénero na Administración Pública e unha activista a prol do feminismo desde unha perspectiva de país». Tamén pola súa labor profesional poñendo en valor a historia das mulleres galegas. «É unha activista transversal», destacou.

No caso da asociación Andar Cos Tempos, o xurado recoñeceu o seu labor «por ser un cambio de paradigma dentro da música tradicional galega cunha perspectiva feminista e non heteronormativa, actualizando e revisando a tradición desde a orixe para facela máis igualitaria.» Tamén destacou «o impacto social das súas intervencións a través de diferentes formatos como obradoiros, relatorios ou campañas, tamén fóra de Galicia».

Compartir

Novas destacadas

La Diputación reconoce la figura de José Suárez con el premio honorífico de Fotógrafo Histórico

La Diputación de A Coruña aborda la colaboración entre cultura y acción social para avanzar hacia una participación cultural más inclusiva

La diputada de cultura clausura el Congreso «Álvaro Cunqueiro en Ortigueira en 1936»