Saltar al contenido
>

Emma & Candela e Gael Ares achegan as propostas vencedoras do concurso ‘Quero Cantar’ 2025

Emma & Candela e Gael Ares achegan as propostas vencedoras do concurso ‘Quero Cantar’ 2025

Talento e creatividade musical a moreas abrollou este domingo no Teatro Colón da Coruña, onde o público que ateigou as butacas puido albiscar algúns dos posibles rostros futuros da música galega. Malia o extraordinario bo facer demostrado por todas as bandas e solista participantes, só dúas das seis propostas que competían podían acadar o primeiro premio e, no sentir do xurado, estas son as de Gael Ares e Emma & Candela, gañadoras respectivamente nas categorías infantil e xuvenil da oitava edición do Concurso de música infantil e xuvenil Quero Cantar. Un xurado que, lembramos, nesta gala final estivo integrado por nenos e nenas e por mozos e mozas con formación musical e do mesmo abano de idade que as bandas e solistas seleccionadas para a final.

E a decisión final foi a seguinte:

Categoría infantil

  • 1º clasificado – Proposta gañadora na categoría infantil: Gael Ares, coa peza ‘Bule Bule’

Gael Ares, de Fene, ten 11 anos e dende cativo os seus xoguetes preferidos foron os instrumentos musicais. Ten especial devoción pola música tradicional galega, coa que na actualidade experimenta fusionándoa coa música electrónica, como é o caso de ‘Bule-bule’, a peza que presenta a concurso. O seu artista preferido era Davide Salvado, a quen coñeceu nun obradoiro con só catro anos. Davide permitiulle acompañalo no escenario en varias ocasións. Con 8 anos comeza a estudar música no Conservatorio de Ferrol, contando finalizar neste curso o grao elemental de contrabaixo. Tamén toca toda a percusión tradicional, ademais da gaita, desde os 5 anos, asistindo a clase con Dani Bellón.

  • 2º clasificado: Libres, coa peza ‘Libre’
  • 3º clasificado: The Escarabots, coa peza ‘Agora sei nadar’

Categoría xuvenil

  • 1º clasificado – Proposta gañadora na categoría xuvenil: Emma e Candela, coa peza ‘Preto de ti’

Emma & Candela, Emma Pérez e Candela Caamaño, alumnas da Escola Municipal de Música de Ames, compuxeron a súa propia canción dentro das clases colectivas de «Escribe as túas propias cancións». Desde o primeiro momento, amosaron unha gran paixón pola música e unha motivación excepcional para crear algo propio. Ao longo do proceso, exploraron ideas, experimentaron con letras e melodías, e conseguiron plasmar as súas emocións nunha canción orixinal. A súa creatividade e implicación foron fundamentais para dar forma a unha peza que reflicte a súa visión artística e evolución musical. Este proxecto permitiulles non só expresarse a través da composición, senón tamén reforzar a súa confianza e ilusión pola música. Esta peza, ‘Preto de ti’, reflicte a súa visión artística e evolución musical.

  • • 2º clasificado: Interestelares, coa peza ‘Vai calor’
  • • 3º clasificado: Wildfire, coa peza ‘Ladroas’

A responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González Rodríguez, subliñou o compromiso da institución cun «concurso infantil e xuvenil que acada xa a súa oitava edición» e salientou o valor «dun certame nacido co obxectivo de promocionar e difundir o uso da lingua galega e a creatividade poética e musical». A deputada amosou tamén a súa satisfacción polo éxito dunha edición máis dun concurso de, onde a bo seguro, sairán grupos de referencia para o futuro da música galega. Natividade González felicitou ademais a familias, escolas e profesorado polo apoio ao concurso: «Nós poñemos os recursos, pero vós sodes a alma», subliñou.

Os premios para os gañadores son os seguintes:
1º clasificado na categoría infantil:

  • Gravación da maqueta en estudio profesional.
  • Gravación dun videoclip da canción gañadora
  • Material musical (instrumentos, equipamento…) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.500,00€

1º clasificado na categoría xuvenil:

  • Gravación da maqueta en estudio profesional.
  • Participación no programa formativo que se explica no anexo.
  • Gravación dun videoclip, ben da canción presentada ao concurso, ben da creada no programa formativo.
  • Material musical (instrumentos, equipamento…) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.500,00€

2º clasificado en ambas as categorías:

  • Gravación da maqueta en estudio profesional
  • Material musical (instrumentos, equipamento…) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.000,00€

3º clasificado en ambas as categorías:

  • Gravación da maqueta en estudio profesional
  • Material musical (instrumentos, equipamento…) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 500,00€

Programa formativo
O Programa formativo Quero Cantar 2025 fai parte do premio que se outorga á proposta vencedora na categoría xuvenil da mesma edición do concurso e consta dos seguintes apartados:

  • Titorización creativa: Titorización durante catro semanas, por parte dun ou dunha artista de recoñecida traxectoria na música galega, para o desenvolvemento dunha canción.
  • Residencia: Este período previo de formación e desenvolvemento da canción culminará con tres días de convivencia nun espazo determinado pola Deputación entre a persoa ou persoas que compoñan a proposta seleccionada e a persoa encargada da titorización. Asistirase a un estudio profesional para a gravación do tema.
  • Obradoiro «Kit de supervivencia para iniciarse no mundo da música»: Formación práctica de 6 horas de duración enfocada a aspectos básicos para o inicio dunha carreira no mundo da música como son a creación da identidade de grupo, maquetación, distribución e dereitos e aspectos a ter en conta de cara á procura dos primeiros concertos.

Finalistas na categoría infantil

  • Libres é un grupo formado por Alejandra, Lola, Eiden, Enzo, Sandra, Isabella, Paula, Hugo, Andrea, Elías e Sara, alumnado do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense, coa peza titulada ‘Libre’, da autoría do docente Anxo Fernández. Así nos contan sobre ela: «Para nós, ‘Libre’ é unha canción que trata de poñerse no lugar do outro. A frase que máis representa esta idea é: «eu son ti». Tamén nos gusta a idea de que todos somos especiais, máxicos, libres, grandes. Queremos que esta mensaxe chegue a todos os espectadores do Quero Cantar e oíntes da nosa canción porque é unha mensaxe moi importante».
  • Gael Ares, de Fene, ten 11 anos e dende cativo os seus xoguetes preferidos foron os instrumentos musicais. Ten especial devoción pola música tradicional galega, coa que na actualidade experimenta fusionándoa coa música electrónica, como é o caso de ‘Bule-bule’, a peza que presenta a concurso. O seu artista preferido era Davide Salvado, a quen coñeceu nun obradoiro con só catro anos. Davide permitiulle acompañalo no escenario en varias ocasións. Con 8 anos comeza a estudar música no Conservatorio de Ferrol, contando finalizar neste curso o grao elemental de contrabaixo. Tamén toca toda a percusión tradicional, ademais da gaita, desde os 5 anos, asistindo a clase con Dani Bellón.
  • The Escarabots colle nome do CEIP de Escarabote (Boiro), onde estudan Nerea, Daniela, Xiana, Adriana, Iago, Ernesto, Aitana e Sarela, o alumnado integrante do grupo. Canda eles, o mestre de música do centro, Diego Bello Magán, compositor desta peza, ‘Agora sei nadar’ e membro da Asociación Madixiga, coa que é autor de varios libros sobre ensino musical. O tema fala da superación do acoso escolar por parte dun neno/a da idade do alumnado. Pretende unha mensaxe positiva, superando as dificultades desde o amor propio. A composición está realizada para voces escolares, baixo eléctrico, piano, guitarra, batería e violíns, instrumentos que abrangue o alumnado integrante do grupo.

Finalistas na categoría xuvenil

  • Emma & Candela, Emma Pérez e Candela Caamaño, alumnas da Escola Municipal de Música de Ames, compuxeron a súa propia canción dentro das clases colectivas de «Escribe as túas propias cancións». Desde o primeiro momento, amosaron unha gran paixón pola música e unha motivación excepcional para crear algo propio. Ao longo do proceso, exploraron ideas, experimentaron con letras e melodías, e conseguiron plasmar as súas emocións nunha canción orixinal. A súa creatividade e implicación foron fundamentais para dar forma a unha peza que reflicte a súa visión artística e evolución musical. Este proxecto permitiulles non só expresarse a través da composición, senón tamén reforzar a súa confianza e ilusión pola música. Esta peza, ‘Preto de ti’, reflicte a súa visión artística e evolución musical.
  • WildFire, grupo rock con trazas do grunge e do metal, está formado por Uxía García Carneiro na voz, Nora Lora Castro na guitarra eléctrica, Maya Sáez Sandoval no teclado e Uxía Romero Yáñez na batería. Estas catro rapazas estudan 3º da ESO no IES Alexandre Bóveda de Vigo. Neste instituto coñecéronse e en 1º e 2º da ESO comezaron a tocar no club de música do instituto, un espazo onde aqueles estudantes con intereses musicais xúntanse e comparten vivencia s en torno á música, dando concertos por colexios e institutos da zona. A estrea do seu grupo realizouse na festa de Entroido do IES, gañando o concurso e tendo que aturar a crítica dalgúns rapaces que sostiñan que a vitoria estivo condicionada por ser un grupo composto integramente por mulleres. Esta polémica provocou a composición do tema Ladroas co que agora se presentan ao concurso Quero Cantar 2025. Queren demostrar que a súa capacidade e entusiasmo non entende de xénero.
  • Interestelares é un grupo formado en Cangas do Morrazo por Loaira, Tomé, Martín e Leire, que na edición anterior do Quero Cantar xa conseguiron o segundo posto na categoría xuvenil. A amizade, compromiso social, amor pola lingua e cultura propias ou a natureza, son temáticas que inspiran a música da banda expresada no seu pop-rock. As súas primeiras actuacións públicas foron en eventos da zona como a Festa da Queimada do Hío, o Area e Folk de Vilariño e o festival Son do Nadal en Cangas. Son totalmente autónomos no proceso creativo e empregan sempre a lingua galega. Nos tres anos de vida do grupo, apréciase xa a evolución e madurez dos artistas individualmente e como grupo, froito da experimentación o traballo colectivo e a ilusión. Nesta ocasión presentan a peza ‘Vai calor’.

Compartir

Novas destacadas

El estudio de diseño de Milladoiro Centilitrosmetrocadrado, ganador de la segunda edición del premio «Luis Seoane» de diseño de la Diputación

La Diputación apoya una nueva edición de CoruñArt para impulsar las industrias culturales y creativas

La Diputación celebra el III Culturgal Expandido, convirtiendo Muros «en el epicentro cultural de la comarca»