Saltar al contenido
>

A Deputación volve apoiar a música contemporánea de vangarda do festival Resis

A Deputación volve apoiar a música contemporánea de vangarda do festival Resis

Resis, o Festival Internacional de Música Contemporánea da Coruña, chega este ano á súa oitava cita, que volverá contar co patrocinio da Deputación. Presentouse está mañá nun acto no que interviron a deputada de Cultura, Natividade González; o edil de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; o director territorial da Consellería de Cultura, Severino Álvarez; a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García, e o director do festival, Hugo Gómez-Chao.

A programación, do 25 de abril ao 31 de maio, inclúe 12 concertos, 12 estreas absolutas, 4 encargas, exposicións, clases maxistrais, coloquios, conferencias e propostas de arte sonora e dixital. Poderán gozarse en espazos de destacado valor patrimonial, arquitectónico e paisaxístico da cidade: a igrexa das Capuchinas, o Teatro Rosalía de Castro, o Teatro Colón, o Pazo da Ópera, o Museo de Belas Artes da Coruña, a DOMUS e a sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (MUNCYT).

Durante as cinco semanas de programa, o festival reunirá a formacións coma Quatuor Diotima, Arxis Ensemble, Quartet Gerhard, Evo Ensemble e a Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia; a directores como Armando Merino, Fabián Panisello, Jordi Francés, Daniel Huertas e Javier Fajardo, e a solistas como Virginia Guidi, Florian Hoelscher e Florentin Ginot.

Na súa intervención, Natividade González reafirmou o «firme compromiso» do departamento de Cultura da Deputación «co apoio a iniciativas que, coma esta, abren camiños para a experimentación, a creación contemporánea e o diálogo entre diferentes disciplinas artísticas».

«O Resis», afirmou, «é moito máis ca un festival de música contemporánea e un dos encontros máis vangardistas e necesarios do panorama cultural galego: é unha plataforma que pon en valor a creación sonora do noso tempo, combinándoa con outras artes vivas, a tecnoloxía e a reflexión sobre o espazo e a sociedade». «Ano tras ano», engadiu, «esta cita reafirma a provincia da Coruña como un epicentro da cultura de vangarda, atraendo artistas de prestixio internacional e dando voz a novos creadores que atopan aquí un lugar para innovar e compartir o seu talento».

Para González, a Deputación «ten a obriga de apoiar proxectos coma o Resis, que non só ofrecen unha programación de altísima calidade, senón que tamén fomentan o acceso á cultura e a educación artística, cunha clara vocación de proximidade e inclusión».

Compartir

Novas destacadas

El estudio de diseño de Milladoiro Centilitrosmetrocadrado, ganador de la segunda edición del premio «Luis Seoane» de diseño de la Diputación

La Diputación apoya una nueva edición de CoruñArt para impulsar las industrias culturales y creativas

La Diputación celebra el III Culturgal Expandido, convirtiendo Muros «en el epicentro cultural de la comarca»