Saltar al contenido
>

A Deputación entrega na IV Gala de Cultura os premios aos 14 gañadores dos certames culturais 2024

A Deputación entrega na IV Gala de Cultura os premios aos 14 gañadores dos certames culturais 2024

O Teatro Colón acolleu esta tarde a IV Gala da Cultura da Deputación da Coruña, unha cita que converteu o escenario nun espello da riqueza cultural de Galicia, mesturando raíces tradicionais con visións contemporáneas. A reivindicación do patrimonio cultural galego como ferramenta de futuro foi protagonista dunha gala conducida pola xornalista Susana Pedreira, coas actuacións de Alana e Fran Sieira, e na que encabezaron a representación da corporación provincial a titular de Cultura, Natividade González, e o presidente, Valentín González Formoso. Acompañáronos na entrega de galardóns ás persoas e asociacións gañadoras dos premios convocados polo departamento provincial de Cultura en 2024 o vicepresidente, Xosé Regueira, e outros membros da corporación provincial.

Os premiados
As persoas e representantes dos proxectos premiados nos certames culturais de 2024 que pasaron polo escenario do Colón para recoller os seus galardóns, unha peza da escultora Soledad Penalta, son os seguintes:

  • Torrente Ballester de narrativa: Loli Rodríguez (en lingua galega) e Jose Antonio Bonet (en lingua castelá).
  • Castelao de banda deseñada: Sandra López (modalidade xeral) e Laura Suárez (modalidade LIX).
  • Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil: Érica Esmorís (modalidade infantil) e Rosa Aneiros (modalidade xuvenil).
  • González Garcés de poesía: Gonzalo Hermo.
  • Antonio Fraguas de artesanía: Borja Canedo (modalidade tradicional) e Ezequiel Franchi (modalidade contemporánea).
  • Fran Pérez ‘Narf’ de música: Carabela.
  • Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero: María Encarnación Otero (premio á traxectoria) e Asociación Andar cos tempos (premio á iniciativa).
  • Jesús Núñez de arte gráfica: Jose Andrés Santiago.
  • Luís Ksado de fotografía: Vicente Fraga.

A gala comenzaba coa benvida da deputada de cultura, Natividade González, que reivindicou a cultura como «o alento que nos permite mirar o mundo con empatía, valentía e alegría», e destacou a forza dun país «talentoso, orgulloso e moi vivo» que atopa na creación artística «a arma máis poderosa; unha ferramenta de liberdade e xustiza». «O ‘novo tradi’ non é unha moda, é memoria viva, é a nosa identidade reinventada», afirmou, en referencia ao fío condutor da gala, centrado na reinterpretación contemporánea das tradicións galegas.

«Esta é unha cita», afirmou a deputada, «na que celebrar, dende a colectividade, a nosa identidade». «Na que celebrar a nosa cultura, que é moito máis ca un conxunto de tradicións, músicas, danzas ou libros, xa que é a esencia mesma da nosa maneira de vivir e de entender o mundo», engadiu. «É, sen dúbida, o motor que nos empuxa a crear, a reflexionar e a transformarnos como individuos e como sociedade».

Pechaba a gala o presidente, Valentín González Formoso, que subliñou o papel da Deputación como «motor cultural da provincia». «A nosa ambición é facer a cultura accesible a toda a cidadanía, a todos os concellos, con ferramentas tan potentes como a Rede Cultural, que cada ano programa máis de 2.200 espectáculos nos 93 municipios coruñeses, ou co apoio que prestamos ás bibliotecas e ás escolas de música e danza dos municipios máis pequenos, nas que se forman centos de rapaces e rapazas, máis tamén apoiando decididamente aos nosos creadores con premios como estes que recoñecen o talento, a creatividade e o esforzo», afirmou.

O presidente incidiu tamén na dimensión económica do sector cultural, «que supón o 3% do PIB galego e sostén máis de 35.000 empregos», polo que a industria cultural é tamén «un eixo de crecemento económico»

Encaixe de Camariñas
O encaixe de Camariñas foi outro dos protagonistas, como símbolo desa reinterpretación da tradición presente en toda a gala. Vestiu a presentadora –que levou un traxe firma de José Mateos – e todos os elementos gráficos, inspirados nas formas do encaixe, nunha instalación que no escenario dialogou coa peza audiovisual que Nela Fraga creou a partir de imaxes do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego. Os músicos de Alana levaron un deseño de La Mapache creado para a ocasión, inspirado tamén no «novo tradi». Antes, artesás da Mostra do Encaixe de Camariñas palillaron no vestíbulo. De volta ao escenario, Alana puxo a música e a compañía de Fran Sieira, a danza, que tamén se gozou desde a platea, onde os bailaríns e as bailarinas se mesturaron co público.

Compartir

Novas destacadas

El estudio de diseño de Milladoiro Centilitrosmetrocadrado, ganador de la segunda edición del premio «Luis Seoane» de diseño de la Diputación

La Diputación apoya una nueva edición de CoruñArt para impulsar las industrias culturales y creativas

La Diputación celebra el III Culturgal Expandido, convirtiendo Muros «en el epicentro cultural de la comarca»