Saltar al contenido
>

O encontro ‘Cultura e cidadanía’ do Ministerio de Cultura acolle a presentación do libro ‘A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura’

O encontro ‘Cultura e cidadanía’ do Ministerio de Cultura acolle a presentación do libro ‘A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura’

O Museo do Pobo galego acolleu hoxe a presentación do libro A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura; unha actividade que se enmarca no programa do ‘X Encontro Cultura e Cidadanía’ do Ministerio de Cultura, que se está a desenvolver dende onte en Santiago de Compostela. A deputada de cultura, Natividade González, e a investigadora, creadora e xestora cultural, Sabela Mendoza foron as encargadas de presentar a publicación, nunha xornada moderada polo seu coordinador, Alberto de Boiro.

Presentación que se celebrou trala benvida institucional, na que tamén participou a deputada de cultura, que se referiu ao modelo cultural da Deputación da Coruña como punta de lanza «dunha cultura que coida, concilia, tece redes de apoio e convivencia e que, en definitiva, mellora a vida das persoas e reforza o sentimento de comunidade». Neste sentido, sinalou que «a cultura non é soamente un sector; cultura é identidade, é a nosa forma de relacionarnos e de habitar o planeta, é igualdade, lingua, tradición, memoria… pero, sobre todo, cultura é transformación social».

Ademais, Natividade González falou das xornadas de ‘A cultura é un dereito’, que «levamos celebrando dende o 2018 no Pazo de Mariñán, abordando cuestións como a igualdade, a inclusión, a proximidade, a sustentabilidade, a promoción de prácticas culturais que van máis aló dos retornos monetarios ou a saúde, que será a temática deste ano». O libro A cultura é un dereito: unha visión social da cultura é «o resultado máis tanxible desas xornadas», engadiu. «Unha compilación de textos de persoas con experiencia e coñecemento acreditado, e que en conxunto ofrecen unha visión moi necesaria de por onde debe ir o enfoque das políticas culturais na próxima década.»

Durante o coloquio que compartiu con Sabela Mendoza e moderou Alberto de Boiro, a deputada destacou o cambio de paradigma provocado pola crise de 2008-2015. «Pasamos do marco das industrias culturais e do retorno económico, que ocupou durante os anos previos de bonanza económica toda a centralidade do discurso cultural, a un novo marco onde se valora máis o retorno social, a sostibilidade dos proxectos e a súa utilidade para a mellora social das persoas e dos entornos».

En canto á pregunta sobre o desexo para o ecosistema cultural, González respondeu que, no caso galego, son dous: «o primeiro é que o noso talento, creatividade e capacidade creativa e artística conte con políticas culturais públicas que sexan cómplices e aposten por darlle visibilidade e un contexto favorable. Necesitamos unha política cultural de país, seria, solvente, dialogada e planificada». E, o segundo, «que nestes anos se consolide unha visión social da cultura e que a centralidade das políticas culturais a ocupe a cidadanía, a través do marco dos dereitos culturais. Gustaríame unha visión da cultura como unha ferramenta para construír unha sociedade mellor».

Sobre o ecosistema cultural español, «temos que reivindicar o recoñecemento real da diversidade cultural e lingüística do Estado e que ese recoñecemento teña consecuencias prácticas nas políticas culturais do Ministerio e do aparato cultural e comunicativo estatal».

E, para pechar a conversa, a deputada dixo que, dentro de 10 anos, imaxina o sector cultural como «un sector vivo, dinámico, consciente do seu papel en relación á sociedade á que pertence e que teña posibilidades reais de se desenvolver plenamente porque exista un marco, un contexto de políticas públicas, que favoreza ese desenvolvemento».

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’