Saltar al contenido
>

Carabela, banda gañadora do Premio Narf 2024

Carabela, banda gañadora do Premio Narf 2024

A banda compostelá Carabela é a gañadora do XVI Concurso Fran Pérez «Narf» para grupos e artistas musicais que promove a área de cultura da Deputación da Coruña. Así o decidiu onte o xurado, que outorgou o segundo premio a Gloria Pavía e Rafa Morales e o terceiro a Cinta Adhesiva, nunha gala presentada polo xornalista Luís Pardo que contou coa actuación de De Ninghures como banda convidada. Carabela recibe un premio en metálico de 4.000 euros; Gloria Pavía e Rafa Morales, 2.000 euros, e Cinta Adhesiva, 1.500.

O xurado, formado por Martiño Suárez, Faia Díaz, Teresa Cuíñas, Noel Feáns e Rodri Míguez e presidido pola deputada de cultura Natividade González, coa xefa de servizo de Cultura e Deporte, Manuela Muñiz, como secretaria, destacou a «gran calidade dos tres grupos», o que provocou que fose «unha decisión moi rifada». Sobre a gañadora, salientaron que é «unha proposta moi complexa de levar ao directo, asumindo un gran risco» e que, neste sentido, «prémiase esa valentía».

O Concurso Fran Pérez «Narf» de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez «Narf». Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

Eis un pequeno resumo de cada banda finalista:

CARABELA: Deles o xurado destacou que é «unha proposta construída con solidez, que atende o traballo vocal e tamén a melodía, cunha deriva electrónica delicada e sofisticada». Nados en 2021, esta banda noiesa dálle unha nova volta ao temón da cada vez máis natural confluencia entre as correntes do pop, a electrónica e a música tradicional.

GLORIA PAVÍA E RAFA MORALES: O xurado salientou desta proposta que chega desde Santiago a «utilización de elementos moi escollidos que fan lucir a estrutura das cancións de autora», na que tamén destacan o seu talento vocal, a orixinalidade e o minimalismo.

CINTA ADHESIVA: Formada pola poeta Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada, o xurado destacou a súa «proposta arriscada, que combina con destreza as partes melódicas e as recitadas con bases electrónicas escuras».

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’