Saltar al contenido
>

Gonzalo Hermo gaña o XXII Premio Miguel González Garcés de poesía da Deputación

Gonzalo Hermo gaña o XXII Premio Miguel González Garcés de poesía da Deputación

O poeta Gonzalo Hermo resultou gañador do XXII Premio Miguel González Garcés de poesía, organizado pola área de cultura da Deputación da Coruña. O xurado decidiu premiar a súa obra Un xesto de tenrura entre as 129 propostas presentadas, das que destacaron a súa «elevadísima calidade».

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado que integraron Yolanda Castaño Pereira; Pablo Otero Rodríguez; Miriam Ferradans Ferradas; Samuel Merino Gómez e Oriana Méndez Fuentes. Como secretaria actuou Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.

Motivación do xurado
O xurado destacou que a obra gañadora «propón unha poesía introspectiva e depurada, onde a linguaxe rica e evocadora se achega á súa forma máis pura, eliminando excesos e retóricas para lograr unha obra de precisión sensorial». Ademais, salientaron que «ofrece unha experiencia poética completa, cunha estrutura ben meditada, que conxuga a beleza da palabra coa profundidade do pensamento».

Concluíron que «marca unha achega significativa á poesía contemporánea en galego, e amosa o xeito en que encarar a idade adulta comporta adoito o desvencello, pero que a luz da soidade pode ser unha forma de liberdade tamén».

Sobre o gañador
Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) é licenciado en Filoloxía Galega e Doutor en Lingüística pola Universidade de Santiago de Compostela. Publicou tres libros de poesía: Crac (Barbantesa, 2011), Celebración (Apiario, 2014) traducido ao catalán (Godall, 2016) e ao castelán (La Bella Varsovia, 2017) e A vida salvaxe (Pen Club, 2018), con versión catalá do propio autor (Godall, 2019). Exerceu a crítica literaria e a tradución de poesía, e participou en numerosas lecturas de ámbito nacional e internacional. Pola súa obra poética recibiu, entre outros recoñecementos, o Premio da Asociación Española de Críticos Literarios en 2014, o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova en 2015 e o Premio de Poesía Afundación en 2018.

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’