Saltar al contenido
>

O Circo de Artesáns entrega a Manuel Rivas o premio “Coruñés do Ano”

O Circo de Artesáns entrega a Manuel Rivas o premio “Coruñés do Ano”

O coruñés Circo de Artesáns entregou hoxe o seu primeiro premio «Coruñés do Ano» a Manuel Rivas. Un acto organizado con motivo do 178º aniversario da entidade para recoñecer a obra dunha personalidade da cidade, e que contou coa participación da deputada provincial, Avia Veira.

Veira puxo en valor o traballo do Circo de Artesáns «unha entidade senlleira na cultura da cidade, da provincia e do país; a sociedade viva máis antiga de Galiza e un fervedoiro cultural polo que pasaron personalidades como Manuel Murguía, Concepción Arenal, Ortega y Gasset, Miguel de Unamuno, Castelao, Vicente Risco, Emilia Pardo Bazán, Otero Pedrayo, Sofía Casanova … e tantas outras.» «Por iniciativa súa construíronse monumentos a persoeiros da nova cultura instalados despois en lugares públicos, e foi berce de institucións benfeitoras. Ademais, organizou numerosas actividades culturais como exposicións, representacións teatrais, proxeccións, debates….» engadiu.

«E o mellor de toda esta historia» sinalou a deputada, «é que ten moito futuro», para posteriormente agradecer o seu traballo. «Nun mundo de individualismo extremo, atopar lugares onde pensar e escoitar é o importante, onde o común, o encontro e a entrega persoal está no centro, é verdadeiramente revolucionario».

Para pechar a súa intervención, Avia Veira parafraseou ao premiado, Manuel Rivas. «Estamos nun tempo de emerxencia no mundo. A poesía sempre foi voz de emerxencia. Estamos nun tempo de alarma, de mayday. A poesía sempre responde a un mayday. Estamos nun tempo de incerteza, nun rumbo de horizontes enfermos. A poesía e o primeiro e o último faro». E rematou con un «que así sexa e que a túa poesía nos alumee durante moitos anos».

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’