A Deputación da Coruña ven de aprobar de forma definitiva as axudas do Programa FO301/2025, dirixido a empresas sen ánimo de lucro dedicadas á produción e distribución audiovisual para potenciar a exhibición, comercialización e distribución de obras en lingua galega na provincia da Coruña durante 2025.
En total, concedéronse 13 subvencións por un importe global de 146.368,91 euros, destinadas a apoiar a exhibición, comercialización e distribución de obras audiovisuais en galego na provincia da Coruña ao longo de 2025. Esta iniciativa da Deputación reafirma o seu compromiso co impulso da cultura propia, o fomento do uso da lingua galega e o respaldo ao talento creativo e empresarial do sector audiovisual.
Entre os proxectos beneficiarios atópanse «Estrea en VOS en galego», de Animala Estudio Audiovisual; «SIRAT / Oliver Laxe», de BTeam Pictures; e «Tralovento», longametraxe presentada por Zeitun Films. Tamén recibirán apoio Filmika Galaika por «Adeus, Berta»; 7 Camiños Films por «As Estacións»; Illa Bufarda por «As Liñas Descontinuas»; Miramemira por «A Foreign Song»; Gaitafilmes por «As Neves»; Film Tanks por «Tralo Invisible»; Rebordelos, por «Almas do Tempo»; Aio Producións por «Raia»; e Abano Producións, por «Cando toco un animal».
Estas axudas permiten fortalecer o tecido cultural da provincia e consolidar unha industria audiovisual máis diversa, que aposta pola identidade propia e pola normalización do galego como lingua vehicular das creacións contemporáneas. A convocatoria reflicte a vontade institucional de apoiar proxectos que contribúan a construír un panorama cultural plural, innovador e comprometido co territorio.
O detalle das entidades beneficiadas pode consultarse no BOP do 1 de xullo



