Saltar al contenido
>

Dezanove compañías e unha trintena de espectáculos citaranse en Titiriberia 2025 co apoio da Deputación

Dezanove compañías e unha trintena de espectáculos citaranse en Titiriberia 2025 co apoio da Deputación

O festival de monicreques tradicionais Titiriberia, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e o INAEM, celebrará a súa décima edición entre o 12 e 17 de agosto cun cartel que inclúe unha trintena de funcións e a presencia de dezanove compañías procedentes de Galicia, Navarra, Euskadi, Aragón, Valencia e Portugal.

Esta mañá presentouse a cita nunha rolda de prensa na que participaron a deputada de Cultura, Natividade González; a coordinadora artística do festival, Larraitz Urruzola; o concelleiro de Cultura de Rianxo, Julio Alcalde, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). González destacou a importancia do festival, «que soubo consolidarse como unha cita imprescindible no calendario cultural galego, poñendo en valor o teatro de monicreques, a tradición dos monicreques e a capacidade de emocionar a través da arte máis popular e accesible».

A deputada reafirmou a aposta da administración provincial «por proxectos coma este, que descentralizan a cultura, que se abren ao territorio, chegando ás parroquias, ás prazas e á praia, e que nos conectan coa tradición e a creación contemporánea». Tamén tivo palabras de gabanza para o programa e o traballo de Morreu o Demo: «A variedade de compañías, as estreas, as exposicións e a dimensión internacional desta edición falan do bo facer da organización e da capacidade do festival para crecer sen perder a súa identidade».

O festival

Titiriberia 2025 acollerá un total de seis estreas no seu programa, catro pertencen a compañías e outros dúas producións propias do festival. Dúas destas obras inéditas pertencen á compañía galega Seisdedos: «Teatro de mochila», que se poderá ver no Campo de arriba o sábado 16 ás 12 horas, e «Cantar do ano», que estará no mesmo espazo o mesmo día ás 20 horas. Trécola, pola súa banda, dará a coñecer ao público rianxeiro a súa obra «Pituquito Literal» no Parque de Santa Lucía, en Asados, o xoves 14 de agosto ás 11 horas. Xa o día seguinte, na praia de Tanxil ás 13.00 horas, A Cova das Letras representará «Costureiriña bonita»,

Titiribeira produce, como cada ano, dous espectáculos colectivos de factura propia. O primeiro deles, «A festa dos títeres», poderase ver o martes 12 pola mañá e servirá para inaugurar a programación deste 2025 de forma oficial. Trátase dunha montaxe itinerante que partirá do Auditorio de Rianxo para percorrer as rúas e prazas da localidade. Actúan nesta obra as formacións Vai de Roda, Viravolta e Títeres Alakrán. O xoves ás 22.30 horas, no Campo de Arriba, chegaralle a quenda a «As varietés» de Barriga Verde, un espectáculo de variedades para todos os públicos que conducirá este ano Raquel López Cendán e durante o cal actuarán, entre outros artistas, a compañía lusa Red Cloud Marionetas, o actor e monicrequeiro Santi Prego, a formación galega Trécola Producións ou o cuarteto da Escola de Música de Rianxo.

Titiriberia terá como centros neurálxicos do festival o Auditorio Municipal e o Campo de Arriba, pero aposta un ano máis pola descentralización do seu programa, de xeito que varias funcións se celebran en parroquias como Leiro, Asados, Taragoña, Isorna, Araño e a praia de Tanxil.

Toda a programación pode consultarse na páxina web do festival, titiribeira.com

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’