O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou este luns na inauguración de Viñetas desde o Atlántico 2025, onde reivindicou o compromiso da institución provincial coa banda deseñada «non só como forma de expresión artística, senón como ferramenta de transformación cultural capaz de chegar a todas as xeracións».
O acto tivo lugar no Kiosco Alfonso e contou coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e doutras autoridades, así como de destacados nomes do mundo da ilustración e da narrativa gráfica como Dave Cooper, Marika Vila, Montse Mazorriaga ou Sara Jotabé.
Formoso destacou que Viñetas desde o Atlántico «é xa moito máis ca unha cita obrigada do verán coruñés: é parte da identidade cultural desta cidade e da provincia» e salientou que o festival «é un referente internacional do cómic, un espazo de encontro co talento, coa creatividade e cunha linguaxe libre, crítica e imaxinativa que conecta co público como poucas».
O premio de banda deseñada da Deputación cumpre 20 anos
O presidente lembrou que a Deputación da Coruña leva anos apoiando esta cita e que tamén promove, desde 2005, o Premio Castelao de Banda Deseñada, «convertido hoxe nun referente no mundo da ilustración e da narración gráfica galega».
Precisamente Castelao é un dos grandes protagonistas desta edición, coincidindo co 75º aniversario do seu pasamento. Formoso subliñou que a súa presenza no cartel e na programación «é unha homenaxe xusta e necesaria a quen, ademais de intelectual e político de referencia, foi pioneiro da linguaxe gráfica e mestre na arte de contar pequenas historias con trazos a voapluma e textos breves cheos de sabedoría».
O presidente lembrou que moitas das viñetas de Castelao «seguen vivas hoxe no imaxinario popular de Galicia» e que a súa obra «inspira a novas xeracións de creadores e creadoras que atopan na banda deseñada unha forma de expresión libre e comprometida coa realidade social».
Moito máis que banda deseñada
A edición 2025 de Viñetas desde o Atlántico reúne na Coruña a preto de 70 autores de primeiro nivel e propón unha programación renovada que enche as rúas e prazas da cidade con actividades para todos os públicos: exposicións únicas –como a dedicada a Quino, o inesquecible creador de Mafalda–, obradoiros, concertos e mesmo experiencias gastronómicas inspiradas en personaxes icónicas da banda deseñada.
Formoso felicitou o director do festival, Manuel Cráneo, e todo o seu equipo, así como o Concello da Coruña, «por seguir facendo das Viñetas un punto de encontro imprescindible para os afeccionados ao cómic de toda España». Ademais, agradeceu a participación das creadoras e creadores que «fan posible que, durante estes días, A Coruña se converta na capital da banda deseñada».
O presidente provincial concluíu reiterando o compromiso da Deputación: «Seguiremos aquí, do voso lado, apostando polo cómic e por levar a cultura a todos e cada un dos municipios desta provincia», afirmou.





