Saltar al contenido
>

As gañadoras do Premio Castelao 2024 participan en ‘Viñetas desde o Atlántico’ cunha exposición sobre as súas obras

As gañadoras do Premio Castelao 2024 participan en ‘Viñetas desde o Atlántico’ cunha exposición sobre as súas obras

As gañadoras do XIX Premio Castelao de Banda de Deseñada da Deputación no 2024, Sandra Lodi na modalidade xeral por Adelina e Laura Suárez na LIX por A raíña cadáver, participan nesta edición de ‘Viñetas desde o Atlántico’ cunha exposición propia sobre as súas obras, que se pode visitar na sala Salvador de Madariaga (Durán Loriga 10). As gañadoras protagonizaron esta mañá unha visita guiada á mostra, na que tamén participou a deputada de cultura, Natividade González e o director do festival, Manel Cráneo.

A deputada puxo en valor o certame que convoca anualmente a área de cultura da Deputación, «que este ano cumpre 20 edicións. Vinte anos de historia recoñecendo o talento, a creatividade e a capacidade de contar historias a través da linguaxe da banda deseñada». Ademais, González salientou a figura de Castelao neste 175 aniversario do seu nacemento, «unha desas figuras que non só fixo arte, senón que tamén puxo o seu talento ao servizo de Galicia. Castelao foi escritor, debuxante, político… e, sobre todo, unha persoa comprometida coa defensa da nosa lingua, da nosa cultura e do noso dereito a existir como pobo».

«Castelao usou a palabra e a imaxe para contar o que pasaba, para denunciar as inxustizas e para mover conciencias. E iso é algo que tamén ten a banda deseñada: a capacidade de entreter, pero tamén de facer pensar, de emocionar e de cambiar miradas». Neste sentido, a titular de cultura sinalou que o Premio Castelao «mantén vivo ese espírito, impulsando novas voces e novas miradas como é o caso de Sandra Lodi e Laura Suárez», ás que agradeceu a súa contribución «a seguir escribindo esta historia colectiva que é a Banda Deseñada galega. E grazas tamén ao Viñetas desde o Atlántico por acoller un ano máis a entrega e posta en valor destes premios».

Castelao, Quino e as novas xeracións de autores protagonizan Viñetas 2025, que tamén inclúe na súa programación música e experiencias gastronómicas e que ten lugar do 11 ao 17 de agosto na Coruña, convertendo á cidade nun referente mundial do cómic.

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’