A Feira do Libro da Coruña abriu as súas portas este martes co pregón da poeta Doures Tembrás. Durante dez días, máis dun centenar de autores, sete editoriais e máis dunha vintena de librarías participan neste evento, que conta con 32 casetas e dúas carpas para actividades.
No seu discurso, Tembrás fixo fincapé «no poder da cultura e tamén na súa fraxilidade» e destacou a «urxencia imperiosa de coidala». «A cultura precisa compromiso e a súa falta embaza esta celebración», lamentou.
No acto participou tamén a deputada Avia Veira que destacou que a feira do libro da Coruña é a maior de Galicia. «O libro é un sector esencial dentro do dereito á cultura e precisa financiamento, apoio e sensibilidade», sinalou.
Tamén participou neste acto de apertura a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que resaltou que a Feira do Libro da cidade herculina é «un dos eventos máis importantes da literatura en Galicia» por achegar á cidade «o maior talento literario do momento».
Na inauguración, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, sinalou que a cultura en Galicia atópase «nun bo momento» desde a perspectiva do consumo e produción de industrias culturais.
«O ano pasado en comparativa con 2021, o incremento na edición de libros en galego foi superior ao 8% e as vendas creceron case un 6%», puntualizou, tras lembrar que Galicia é a comunidade autónoma con «maior número de librarías por habitante».
Doutra banda, o presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez, destacou desta edición número 52 a súa programación «ampla, variada e de calidade» e fixo un chamamento «a todas e cada unha das administracións» a facer unha reflexión «sobre a necesidade de dar estabilidade e continuidade» a este tipo de feiras.
A Feira do Libro da Coruña combinará firmas de exemplares, presentacións, mesas redondas e actividades para toda a familia en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,30 a 21,30.





