Saltar al contenido
>

A poeta Luz Fandiño e a cooperativa A Morada gañan o Premio “Begoña Caamaño” á acción cultural pola igualdade de xénero

A poeta Luz Fandiño e a cooperativa A Morada gañan o Premio “Begoña Caamaño” á acción cultural pola igualdade de xénero

A poeta compostelá Luz Fandiño, na modalidade ‘Traxectoria’, e a cooperativa viguesa A Morada, na modalidade ‘Iniciativa’, son as dúas propostas gañadoras do VII Premio «Begoña Caamaño» á acción cultural pola igualdade de xénero. Este certame, que convoca a área de Cultura da Deputación da Coruña, busca cada ano recoñecer e poñer en valor traxectorias de colectivos e persoas comprometidas coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura, tanto no ámbito territorial da provincia como no conxunto do país.

O xurado desta VII edición do premio estivo presidido pola deputada de Igualdade, María Muíño, e composto por Lucía Canoura Sánchez, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, pola escritora e actriz Iria Piñeiro Santos, pola docente e artista plástica Ana Seoane Suárez, e polas xornalistas María Fernanda Tabarés Domínguez e María Yáñez Anllo. Como secretaria actuou Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.

Segundo indica no seu informe, o xurado escolleu premiar a Luz Fandiño «pola súa traxectoria vital e como creadora, e polo seu activismo que mantén intacto os seus 92 anos». Tamén salientan que «é exemplo de coherencia, rebeldía e dignidade, pola sua loita polos dereitos das mulleres e por ser inspiradora para as novas xeracións, que a seguen a buscar para escoitar a súa abraiante peripecia persoal».

No caso da cooperariva A Morada, o informe do xurado indica que é merecedora do premio por «xerar unha rede de apoio e colaboración comunitaria que considera os coidados un aspecto esencial da vida, polo seu carácter innovador, e por ser unha iniciativa social e cooperativa inspiradora». Tamén valoran «a promoción do empoderamento das mulleres e a súa capacidade para impactar dun xeito cuantificable e transformador sen perder de vista valores como o humor ou a sustentabilidade».

Luz Fandiño (Santiago de Compostela, 1931). Nace no barrio do Sar e emigra primeiro a Arxentina e despois a París, regresando en 1979 definitivamente á súa cidade natal. Colaborou e colabora con diferentes publicacións galegas, no programa radiofónico Diario cultural da Radio galega, coas Redes Escarlata, Mulheres Trasgredindo e Mar de Tinta. Na súa obra, destacan os títulos «Farangulliña de neve» (1998), e «O pracer de envellecer» (2014). Participou de obras colectivas como «Xuro que nunca volverei pasar fame. Poesía escarlata», (2003), «150 Cantares para Rosalía» (libro dixital); «Verbo na arria. Homenaxe literaria a Xohan Xesús González» (2016). En 2019 é agasallada pola Asociación Cultural Agromada de Seixalbo co XI Premio Freire Carril. En 2020, a cineasta Sonia Méndez estrea o documental «Luz Fandiño, a poeta analfabeta». En 2022 é distinguida pola Asociación Cultural Val de Láncara co XX Premio Ramón Piñeiro Facer país. A súa obra, na que abundan os poemas contra a guerra, a soidade e o feminismo, foi musicada por artistas como María Xosé Silvar «Sés».

A Morada. É unha cooperativa sen ánimo de lucro no eido social en Vigo que ofrece un espazo de encontro, lecer, asesoramento e formación para mulleres, conectado coa comunidade e onde os coidados están no centro. Propoñen un enfoque de traballo que pon o foco nas mulleres coidadoras -facilitando que poidan realizar os obradoiros e actividades buscando acompañamento para as persoas dependentes que están ao seu cargo-, a través dunha nova forma de cubrir as necesidades das mulleres coidadoras, non ofrecendo un servizo para solucionar situacións individuais, senón xerando dinámicas de interacción social que faciliten a construción de redes de apoio colectivo onde as mulleres poidan sentirse acompañadas e comprendidas, pero tamén fortalecidas e dispostas a mellorar as súas vidas e a contorna, atopando en comunidade ferramentas transformadoras. O equipo d’A Morada está composto por María José Gayoso Ricón, responsable da área de xestión e administración; Ana Martínez González, responsable da área de desenvolvemento comunitario e asesoramento; e Fedra Alcaraz Ladrero, responsable da área artística e pedagóxica.

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’