Estás en:A cultura é un dereito Xornada XVI Acción e políticas culturais municipais

Xornada XVI Acción e políticas culturais municipais

· XVI XORNADA ·

 Acción e políticas culturais municipais

28 de setembro de 2023
Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Santiago de compostela
Comisario: Sergio Lago Varela

 

Trala celebración das recentes eleccións locais, a área de Cultura da Deputación da Coruña retoma a iniciativa divulgativa e formativa "A Cultura é un dereito" cunha xornada sobre a acción e políticas culturais municipais, que virá acompañada da edición dun breve manual.

Ambas ferramentas pretenden servir como guía para novos cargos públicos que asumen estas competencias, pero tamén ofrecer un marco de reflexión sobre novos retos e enfoques para responsables políticos veteranos e persoal técnico do ámbito sociocultural da provincia.

Búscase mostrar liñas de traballo contemporáneas, máis aló da cultura só como oferta de entretemento ou de atracción de visitantes. Cunha perspectiva máis ampla e integral do sistema cultural de proximidade que debe garantir os dereitos culturais da cidadanía.

Unha cultura cunha visión social, que permita mellorar o benestar e a vida das nosas veciñas e veciños, traballando con este obxectivo en diferentes eixos como son:

  • Acceso á oferta e capital cultural.
  • Identidade, lingua e patrimonio.
  • Participación e prácticas culturais comunitarias.
  • Cohesión social e convivencia.
  • Benestar e saúde comunitaria.
  • Desenvolvemento territorial, proxección exterior e turismo cultural.

Esta xornada quere tamén poñer en valor o perfil profesional da xestión cultural, a importancia da formación e do coñecemento técnico que aporta o persoal público. Ademais de divulgar que se trata dunha disciplina cun sólido marco académico, ampla vertebración profesional e recoñecemento por parte de numerosas institucións internacionais, que avalan e recomendan as liñas de políticas culturais que visibilizaremos na xornada.

Ademais de axudar a guiar as estratexias culturais nestes novos mandatos, quérese inspirar o deseño de novos programas e proxectos que incorporen estas novas visións. Tamén incentivar o reforzo dos equipos técnicos de cultura. Para ambas cuestións a Deputación da Coruña convocará, como cada ano, diferentes liñas de subvencións durante os primeiros meses de 2024.

PROGRAMA

Descarga aquí o pdf


9:00 - 9h15 h. Benvida e acreditación participantes.

9:15 - 9:45 h. Presentación da xornada e da guía "Acción e políticas culturais municipais". Natividade De Xesús González Rodríguez, Deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís; Sergio Lago, comisario da xornada e da guía; Alberto García, coordinador do caderno "A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura".

9:45 - 11:45 h. Liñas estratéxicas para unha acción cultural municipal (I) 

  • Cultura para a vida cotiá, cohesión social e convivencia. Con José Luis Pérez Pont, director do Centre del Carme Cultura Contemporània (CCCC) de Valencia.
  • Participación cultural e prácticas artísticas comunitarias. Con Hugo Cruz, Art and Participation (Portugal). 
  • Cultura, benestar e inclusión social. Con Helena Teira, coordinadora xeral da Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional.

11:45 - 12:15 h. Pausa / café

12:15 - 14:15 h. Liñas estratéxicas para unha acción cultural municipal (II)

  • O relato patrimonial e turístico dos nosos territorios. Con Manuel Gago, director de culturagalega.gal, profesor na USC, divulgador, escritor e comisario de exposicións.
  • Identidade, patrimonio inmaterial e conexión inter-xeracional. Con Sara Fraga, mediadora cultural.
  • Cultura para o desenvolvemento territorial e a proxección exterior. Con Gil Ferreira, concelleiro de Cultura, Educacion, Turismo e Xuventude no Município de Santa Maria da Feira (Portugal).

14:15 - 14:30 h. Peche da xornada formativa

A asistencia é gratuita e o aforo limitado. A inscrición á xornada debe realizarse a través do formulario habilitado para tal fin no enlace seguinte, aberto dende o 1 de setembro ás 10:00 ata o 26 de setembro ás 16:00.

Haberá un servizo de interpretación de lingua de signos. Se precisas dun Equipo FM individual ou de calquera outra medida de accesibilidade que facilite a túa participación agradecemos que nolo indiques no apartado correspondente no formulario.

Formulario de inscrición