---
title: "“Sábeme a salamántiga o ceo da boca”, “El silencio de las palabras” e “Viaje alrededor de las aristas de un cuchillo” gañan o Premio Torrente Ballester da Deputación"
description: "O xa coñecido \"Cónclave de Mariñán\" reuniuse hoxe para elexir as obras gañadoras do Premio Torrente Ballester nas modalidades de lingua galega e lingua castelá. Ambos xurados analizaron as 374 obras p..."
url: https://aculturaeundereito.gal/sabeme-a-salamantiga-o-ceo-da-boca-el-silencio-de-las-palabras-e-viaje-alrededor-de-las-aristas-de-un-cuchillo-ganan-o-premio-torrente-ballester-da-deputacion/
date: 2023-11-10
modified: 2023-11-10
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2023/11/Premios_Torrente_Ballester_2.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# “Sábeme a salamántiga o ceo da boca”, “El silencio de las palabras” e “Viaje alrededor de las aristas de un cuchillo” gañan o Premio Torrente Ballester da Deputación

O xa coñecido “Cónclave de Mariñán” reuniuse hoxe para elexir as obras gañadoras do Premio Torrente Ballester nas modalidades de lingua galega e lingua castelá. Ambos xurados analizaron as 374 obras presentadas e decidiron conceder o galardón a “Sábeme a salamántiga o ceo da boca”, de César Cequeliños, na modalidade de lingua galega , e “El silencio de las palabras”, de Anna M. Blasco Rovira e “Viaje alrededor de las aristas de un cuchillo”,de Jesús María Antón Ávila, gañadoras ex aequo na modalidade de lingua castelá.

O xurado da modalidade en lingua galega estivo formado por Anna R. Figueiredo, Diego Ameixeiras, Tamara Montero, Ledicia Costas, e o gañador deste premio na edición 2022, Amador Castro. O da modalidade en lingua castelá formárono Inma López Silva, María Piñeiro, Antonio Sandoval, Cristina Sánchez – Andrade, e Mario Beramendi. Presidido pola deputada de Cultura, Natividad de Jesús González, actuou como secretaria a xefa de Sección de Cultura, Manuela Muñiz.

“Sábeme a salamántiga o ceo da boca” foi a obra gañadora por maioría do Premio Torrente en galego. O xurado salientou que é un texto ben escrito, áxil, divertido e con diálogos inxeniosos. A novela contén un elemento fantástico que está ben encaixado na trama. Debuxa moi ben a burguesía viguesa de comezos do século XX.

Pola súa parte, “El silencio de las palabras” é unha memoria familiar centrada na relación avoa-neta que lle serve á narradora para facer unha revisión da historia propia e de todo o século XX en Valencia. O xurado salientou que a autora manexa unha documentación moi rigorosa e presenta personaxes complexos, creando con soltura diferentes ambientes e momentos. Ademais, puxo en valor como é capaz de partir do concreto para relatar as vidas difíciles das mulleres. O papel da lectura na formación da nena protagonista é outro dos aspectos que valorou o xurado.

E, no caso de “Viaje alrededor de las aristas de un cuchillo” é un libro de relatos do que o xurado valorou o estilo coidado e a gran economía narrativa con influencias de autores como Carver. Tamén valorou a sensibilidade para captar os sinsabores da vida cotiá e a creación de diálogos que funcionan ben para que a acción avance. O xurado tamén salienta o interesante mundo interior dos personaxes e o dominio da técnica do relato.

**César Cequeliños**
César Cequeliños é o nome literario de César Lorenzo Gil (Arbo, 1977). Xornalista e editor. Dirixe a editorial Aira desde o 2017. Antes foi redactor xefe de A Nosa Terra e correspondente en Galicia de El Correo. É autor da novela A gran novela galega (Morgante, 2023) e – xunto co ilustrador Jorge Campos – dos títulos Atlas da Galicia pequeniña, Un día de festa en… Allariz, Historia da Galicia pequeniña, Animais míticos do Camiño de Santiago e Historia visual do RC Celta (1923 – 2023).

**Anna M. Blasco Rovira**
Licenciada en Historia Contemporánea pola Universidade de Valencia e Doutora en Historia Contemporánea pola Universidade Autónoma de Madrid. Durante a súa vida profesional foi profesora de instituto de secundaria e bacharelato. Escribiu artigos e ensaios de carácter histórico. Tamén relatos e a novela Aunque la noche sea más oscura.

**Jesús María Antón Ávila**
Dende fai dez anos, escribe de maneira habitual. Tras un curso de creación literaria na Escola de Escritores de madrid, comeza a cultivar a súa afición pola escritura. Tras anos de traballo, considera que os seus relatos están listos para percorrer o seu camiño a través de concursos literarios, para que sexa o lector o que entenda ás súas personaxes, profundizando nos seus medos, incertidumes, paixóns e escuridade, e tamén a humanidade que esconden no máis profundo.
