---
title: "Rede Cultural Accesible"
description: "Rede cultural. > rede culturaL. A Rede Cultural da Deputación da Coruña impulsa espectáculos e actividades nos concellos, favorecendo o acceso á cultura en todo o territorio. Rede Cultural Accesible...."
url: https://aculturaeundereito.gal/rede-cultural/rede-cultural-accesible/
date: 2026-07-13
modified: 2026-08-13
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/06/Default-post02.jpg
type: page
lang: gl
---

# Rede Cultural Accesible

[Rede cultural](https://aculturaeundereito.gal/rede-cultural/)

>

# Rede Cultural Accesible

# rede culturaL

A Rede Cultural da Deputación da Coruña impulsa espectáculos e actividades nos concellos, favorecendo o acceso á cultura en todo o territorio.

## Rede Cultural Accesible

### Un programa para incorporar a accesibilidade á Rede Cultural

A Deputación da Coruña impulsa Rede Cultural Accesible, un programa de sensibilización, formación e asesoramento que promove a incorporación da accesibilidade e o deseño universal á programación cultural dos concellos da provincia.

A iniciativa nace co obxectivo de acompañar aos diferentes axentes da Rede Cultural na construción dunha oferta cultural máis inclusiva, favorecendo a participación das persoas con discapacidade e garantindo o acceso á cultura en condicións de igualdade.

### O proxecto estrutúrase en catro liñas principais

### Asesoramento técnico a compañías

### Un apoio personalizado para crear espectáculos máis accesibles

O programa Por unha Rede Cultural Accesible ofrece un proceso de acompañamento dirixido a compañías profesionais e artistas das artes escénicas interesados en incorporar medidas de accesibilidade ás súas producións.

O obxectivo é facilitar a integración da accesibilidade desde as primeiras fases de creación ou adaptala a espectáculos xa estreados, contribuíndo a ampliar o acceso da cidadanía á cultura e favorecendo a presenza de espectáculos accesibles na Rede Cultural.

### En que consiste?

Cada compañía participante contará cun proceso de asesoramento individualizado, adaptado ás características do seu proxecto.

O acompañamento permitirá:

- identificar as medidas de accesibilidade máis axeitadas para cada espectáculo;
- resolver dúbidas técnicas e metodolóxicas;
- recibir orientación especializada durante o proceso de creación ou adaptación;
- coñecer recursos e ferramentas de accesibilidade aplicables ás artes escénicas;
- incorporar solucións viables que melloren a experiencia de todos os públicos.

### A quen se dirixe?

O programa está dirixido a compañías profesionais e artistas das artes escénicas que desenvolven a súa actividade en Galicia, tanto con espectáculos xa estreados como con proxectos en fase de creación.

### Convocatoria

Na presente edición seleccionaranse ata 10 compañías ou artistas, que recibirán este asesoramento de maneira gratuíta.

### Encontros de sensibilización

Durante o mes de maio de 2026 celebráronse cinco encontros territoriais de sensibilización en Neda, Oleiros, Vimianzo, Outes e Ames, reunindo a persoal técnico municipal de cultura, profesionais das artes escénicas e persoas con discapacidade. En total participaron representantes de 29 concellos e 56 profesionais das áreas de cultura.

Estes encontros permitiron coñecer de primeira man as principais necesidades e retos para avanzar cara a unha Rede Cultural máis accesible. A metodoloxía, baseada na participación directa de persoas con discapacidade, favoreceu un espazo de diálogo e aprendizaxe compartida, no que se identificaron tanto barreiras como oportunidades de mellora.

### Principais conclusións

Os encontros puxeron de manifesto varios aspectos prioritarios para seguir avanzando na accesibilidade cultural:

- A accesibilidade conta cun amplo consenso entre o persoal técnico municipal, que demanda apoio para incorporala de maneira efectiva ás programacións culturais.
- Os concellos, especialmente os de menor tamaño, precisan máis recursos, asesoramento e ferramentas prácticas para implantar medidas de accesibilidade.
- Existe unha necesidade clara de formación en ámbitos como a comunicación accesible, a atención ás persoas con discapacidade ou a lingua de signos, así como de orientación práctica para adaptar espazos e actividades culturais.
- Detectouse a conveniencia de incorporar criterios de accesibilidade na propia Rede Cultural e reforzar o apoio da Deputación mediante recursos, servizos especializados e instrumentos que faciliten a súa implantación.

### Un punto de partida

As conclusións desta primeira fase constitúen a base sobre a que se desenvolverán as seguintes actuacións do programa: accións formativas, asesoramento técnico, elaboración de recursos e incorporación progresiva de medidas que contribúan a facer da Rede Cultural un espazo máis inclusivo e accesible para toda a cidadanía.

### Formación

A formación constitúe unha das liñas estratéxicas do programa e ten como finalidade proporcionar aos distintos axentes da Rede Cultural coñecementos e ferramentas prácticas para incorporar a accesibilidade na planificación, organización e desenvolvemento das actividades culturais.

Nesta sección iranse publicando as accións formativas, os seus contidos e toda a información necesaria para participar.

### Recursos. Guías e documentos de apoio

O programa irá xerando progresivamente materiais de referencia para facilitar a incorporación da accesibilidade na Rede Cultural. Guías, recomendacións, documentación técnica e outros recursos estarán dispoñibles nesta sección para favorecer a súa consulta e aplicación por parte de concellos, compañías e profesionais da cultura.

### Relación de solicitudes admitidas

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes para participar no proceso de asesoramento a compañías de artes escénicas do programa Para unha Rede Cultural Accesible 2026, faise pública a relación de solicitudes recibidas. De acordo co establecido, as solicitudes foron admitidas por orde de entrada no Rexistro da Deputación da Coruña, ata completar o máximo de dez proxectos previstos para esta edición. 

Na relación que se publica a continuación figuran todas as solicitudes presentadas, indicando a data e a hora de entrada, así como a súa situación (admitida ou en lista de agarda). Se algunha das compañías admitidas decide renunciar á súa participación no programa, deberá comunicalo ao enderezo electrónico cultura@dacoruna.gal, con copia a redeculturalaccesible@escenagalega.gal. Nese caso, a vacante será ofrecida á seguinte compañía da lista de agarda, seguindo a orde de entrada das solicitudes. 

A Área de Cultura da Deputación da Coruña agradece o interese mostrado por todas as compañías participantes e a boa acollida desta primeira convocatoria, que pon de manifesto o compromiso do sector das artes escénicas coa accesibilidade cultural.

[Lista admitidos](https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/08/Lista-admitidos-Asesoramento-2026.pdf)
