---
title: "Que pode facer a cultura polo benestar das persoas? A Deputación da Coruña abre o diálogo coa acción social e a saúde"
description: "Os encontros do 3 e do 17 de outubro reunirán profesionais da cultura, a acción social, a educación, a saúde e os coidados para explorar novas formas de colaboración desde a proximidade. Da creación c..."
url: https://aculturaeundereito.gal/que-pode-facer-a-cultura-polo-benestar-das-persoas-a-deputacion-da-coruna-abre-o-dialogo-coa-accion-social-e-a-saude/
date: 2026-09-24
modified: 2026-09-24
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/09/24.09_Nova.jpg
categories: ["Cultura", "Novas", "Xornadas"]
type: post
lang: gl
---

# Que pode facer a cultura polo benestar das persoas? A Deputación da Coruña abre o diálogo coa acción social e a saúde

- **Os encontros do 3 e do 17 de outubro reunirán profesionais da cultura, a acción social, a educación, a saúde e os coidados para explorar novas formas de colaboración desde a proximidade.**
- **Da creación compartida á prescrición cultural, os encontros abordarán experiencias que sitúan a cultura en relación directa cos retos sociais, os coidados e o benestar das comunidades.**
- **Maria Vlachou, Eva García, Fátima Vieira e Marta Font Cifré achegarán experiencias de Portugal, Cataluña e Euskadi para poñelas en diálogo co contexto galego.**

**A Coruña, 24 de setembro de 2026.** A cultura, a acción social, a educación ou a saúde traballan desde ámbitos profesionais diferentes, pero comparten unha realidade: **forman parte da vida cotiá das persoas e das comunidades**. Que posibilidades aparecen cando estes ámbitos se recoñecen como posibles aliados? Que poden aprender uns doutros? E que condicións son necesarias para construír colaboracións que sexan útiles, responsables e sostibles?

Estas preguntas estarán no centro das **dúas xornadas profesionais que a Deputación da Coruña celebrará os días 3 e 17 de outubro**, destinadas a conectar profesionais da cultura con persoas que traballan na acción social, a educación, a saúde, os coidados e o ámbito comunitario. As citas combinarán experiencias profesionais, diálogo e traballo en grupos pequenos co obxectivo de **contrastar prácticas, compartir dificultades e explorar posibilidades de colaboración desde a proximidade**.

*“A cultura forma parte da vida das persoas e pode xerar espazos de participación, encontro e comunidade. Con estas xornadas queremos facilitar que profesionais de ámbitos diferentes poidan coñecerse, compartir experiencias e explorar novas formas de colaboración que teñan sentido no noso contexto”*, sinala **Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña**.

Nos últimos anos, **cada vez máis iniciativas culturais incorporan a inclusión, a participación comunitaria, os coidados, o benestar ou o traballo con persoas en situacións de vulnerabilidade**. Este escenario abre novas posibilidades de colaboración, pero tamén require coñecer e respectar os marcos, os tempos e as responsabilidades de cada ámbito profesional: **con quen colaborar, como incorporar a participación das persoas e das comunidades ou que condicións son necesarias para evitar simplificar ou instrumentalizar realidades sociais e sanitarias** son algunhas das cuestións que atravesarán as xornadas. 

Para ampliar esta conversa, as xornadas incorporarán **experiencias desenvolvidas en Portugal, Cataluña e Euskadi**, que se poñerán en diálogo co contexto galego. Máis que trasladar modelos, a proposta é coñecer outros percorridos, aprendizaxes e dificultades para contrastalos coas prácticas que xa existen en Galicia e explorar que posibilidades poden abrirse desde a realidade máis próxima.

As xornadas vincúlanse tamén ao **Premio de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social da Deputación da Coruña**, que a institución quere reforzar non só como unha convocatoria de apoio económico, senón tamén como unha ferramenta para **recoñecer, conectar e acompañar un ecosistema cultural comprometido coa inclusión, a cohesión social e a vida comunitaria**. Os encontros permitirán ampliar estas relacións con profesionais e entidades dos ámbitos cultural, social, sanitario e comunitario e explorar novas colaboracións e sinerxías.  

### **Cultura e acción social: do acceso á creación compartida**

A primeira xornada, o **3 de outubro**, centrarase na relación entre **cultura e acción social** e en como conectar o traballo cultural co de profesionais que acompañan a infancia, a adolescencia, a mocidade ou as persoas maiores, especialmente en situacións de vulnerabilidade. A participación, a inclusión e a creación compartida serán algunhas das cuestións que atravesarán a conversa.

**Maria Vlachou**, cofundadora e directora executiva de Acesso Cultura, achegará desde Portugal a súa experiencia arredor da participación na vida cultural e das barreiras que aínda a condicionan. Xunto a ela, **Eva García**, especialista en creación artística comunitaria e mediación con perspectiva de dereitos, comisaria das Jornadas de Inclusión en las Artes Escénicas do INAEM e responsable da conceptualización e mediación comunitaria de Òpera Prima, do Gran Teatre del Liceu, abordará os retos, aprendizaxes e límites que aparecen nos procesos de creación coas comunidades. 

### **Cultura e saúde comunitaria: da prescrición cultural á práctica**

O **17 de outubro**, a segunda xornada trasladará a conversa á relación entre **cultura, saúde e coidados**, explorando como favorecer colaboracións próximas á vida cotiá das persoas e que condicións e responsabilidades require o traballo compartido entre profesionais destes ámbitos.

**Fátima Vieira**, profesora catedrática da Universidade do Porto e unha das impulsoras do Consórcio de Prescrição Cultural da Rexión Norte de Portugal, compartirá a experiencia de colaboración entre institucións culturais, universidades e profesionais da saúde. **Marta Font Cifré**, directora de Gertu Kultura e directora estratéxica de K6 Gestión Kultural, achegará a experiencia vasca na conexión entre entidades culturais e sociais e o ámbito da saúde, incluída a colaboración con Osakidetza.

*“Interésanos poñer a conversar profesionais que comparten preocupacións e comunidades, pero que non sempre teñen espazos para pensar xuntas. As experiencias doutros contextos son un punto de partida para contrastar o que xa estamos a facer aquí, compartir dúbidas e identificar posibilidades de colaboración desde a realidade galega”*, explica **Sergio Lago, comisario do proxecto**.

As dúas xornadas parten así dunha mesma idea: favorecer que profesionais que traballan coas mesmas persoas e comunidades desde ámbitos diferentes poidan recoñecerse, compartir coñecementos e abrir novas posibilidades de traballo conxunto. **Un diálogo que pon a cultura en relación coa acción social, a saúde e os coidados**, atendendo tanto ao seu potencial como ás condicións necesarias para construír colaboracións útiles, responsables e sostibles.

| **INSCRICIÓNS ABERTAS E GRATUITAS CON PRAZAS LIMITADAS** 3 de outubro \| Cultura e acción social – **Inscrición** [**aquí** ](https://aculturaeundereito.gal/cpt-jornada/cultura-para-a-vida-mellor-1a-xornada/)17 de outubro \| Cultura e saúde comunitaria – **Inscrición** [**aquí**](https://aculturaeundereito.gal/cpt-jornada/cultura-para-a-vida-mellor-2a-xornada/) |
| --- |
