---
title: "Omar Árcega Morales gaña o XXI Premio Internacional de Arte Gráfica “Jesús Núñez” da Deputación coa obra “Mareacimática” "
description: "A proposta xilográfica do artista foi elixida por unanimidade entre as 145 obras admitidas a concurso tras destacar pola súa forza expresiva e dominio da cor.  . A Coruña, 13 de outubro de 2026 . O xu..."
url: https://aculturaeundereito.gal/omar-arcega-morales-gana-o-xxi-premio-internacional-de-arte-grafica-jesus-nunez-da-deputacion-coa-obra-mareacimatica/
date: 2026-10-13
modified: 2026-10-13
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/10/Xurado-premio-Jesus-Nunez-na-Fundacion-CIEC-Betanzos-02.jpg
categories: ["Cultura", "Novas", "Premios"]
type: post
lang: gl
---

# Omar Árcega Morales gaña o XXI Premio Internacional de Arte Gráfica “Jesús Núñez” da Deputación coa obra “Mareacimática” 

- **A proposta xilográfica do artista foi elixida por unanimidade entre as 145 obras admitidas a concurso tras destacar pola súa forza expresiva e dominio da cor.** 
- **A Coruña, 13 de outubro de 2026**. O xurado da 21ª edición do Premio Internacional de Arte Gráfica “Jesús Núñez”, convocado pola Deputación da Coruña, tras examinar as 145 propostas admitidas a concurso, procedentes de España e doutros 26 países, acordou por unanimidade conceder o primeiro premio á obra “**Mareacimática**”, de **Omar Árcega Morales**, destacando a súa “perfecta conxunción entre técnica e estética, onde a vibrante cor leva a xilografía cara a novos campos expresivos”. 

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado, que estivo composto por Regina Gimenez Froiz; Isabel Marta Font Poquet; Mercedes del Pilar de la Pola Vindel; Héctor Alfonso Francesch Carneiro e Manuel Dimas Salamanca Mota. Actuou como secretaria Manuela Muñiz Souto, xefa do Servizo de Cultura, Igualdade e Dereitos civís. 

No marco da decisión do xurado, outorgáronse tamén dous accésits consistentes nunha bolsa de matrícula para un módulo do Máster de Obra Gráfica impartido pola Fundación CIEC a **Anna Trojanowska**, pola obra “**Sleep Spindles_01**”, e a **María Luisa Estrada Sánchez**, pola peza “**Torres de Potrero**”. Así mesmo, a obra “**La Kioskera**”, de **Miguel Feo**, recibiu unha mención de honra polo seu valor artístico. 

Xunto coas catro obras galardoadas, o certame seleccionou vinte e seis pezas adicionais asinadas por creadores e creadoras nacionais e internacionais. Todas elas integraranse no catálogo oficial da edición e formarán parte da vindeira exposición itinerante que percorrerá diversos puntos da provincia. 

**Omar Árcega** 

Omar Árcega Morales (Puebla, 1981) é un artista visual, pintor e gravador mexicano consolidado como unha das voces máis innovadoras do panorama contemporáneo ao inaugurar unha serie de exposicións clave que entrelazan arte, ciencia e vibración sonora. Graduado na prestixiosa Escola Nacional de Pintura, Escultura e Gravado “La Esmeralda” e membro do Sistema Nacional de Creadores de Arte (SNCA) de México, Árcega consolidou unha sólida traxectoria internacional con residencias e exhibicións en países como Inglaterra, Serbia, Taiwán e a República Checa. Recoñecido pola súa capacidade para materializar fenómenos intanxibles —como as vibracións acústicas e os patróns numéricos— a través do gravado e a abstracción xeométrica, a súa linguaxe única sitúao como unha das voces máis singulares e galardoadas da arte actual.
