---
title: "O Teatro Colón acolle este sábado ‘Paréntese’, un espectáculo único que mistura letras e sons"
description: "Este sábado, o escenario do Teatro Colón acollerá un espectáculo único, producido especificamente para este espazo, e que so se vai poder ver nesta ocasión, enmarcado no ciclo 'Músicas Posíbeis' que p..."
url: https://aculturaeundereito.gal/o-teatro-colon-acolle-este-sabado-parentese-un-espectaculo-unico-que-mistura-letras-e-sons/
date: 2024-10-31
modified: 2024-10-31
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2024/10/PARENTESE.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# O Teatro Colón acolle este sábado ‘Paréntese’, un espectáculo único que mistura letras e sons

Este sábado, o escenario do Teatro Colón acollerá un espectáculo único, producido especificamente para este espazo, e que so se vai poder ver nesta ocasión, enmarcado no ciclo ‘Músicas Posíbeis’ que promove a área de cultura da Deputación da Coruña.

Baixo a dirección artística e creativa do músico Pablo Novoa e o escritor Diego Giráldez, e conducidos no escenario pola xornalista Susana Pedreira, as escritoras e escritores Berta Dávila, Silvia Penas, Samuel Merino, Lucía Aldao, Carlos Meixide, Samuel Solleiro e a cantante Wöyza sorprenderán ao público saíndo das súas disciplinas para cantar, interpretar, recitar e conversar entre si e sobre o feito creativo.

“Poderemos ver a artistas cambiando os teclados de escribir polos do piano: escritores interpretando música, e músicos creando literatura”, sinalou a deputada de cultura, Natividade González. “Ese é o late motiv deste proxecto: poder descubrir os talentos máis descoñecidos das persoas ás que admiramos nunha sorte de xolda e celebración de encontros improbables e pouco frecuentes”.

A deputada engadiu que “a cultura é transversal, e as diferentes disciplinas son a linguaxe, e este sábado imos poder velo perfectamente, ademais de pasalo moi ben e sorprendernos”.
